O PSOE de Rianxo denuncia que, por segundo ano consecutivo, o goberno de Julián Bustelo non presentou as contas do exercicio 2024, a pesar de que a lexislación establece que deben aprobarse antes do 31 de marzo do ano seguinte. Se no exercicio anterior se alegaron problemas no departamento, este ano queda en evidencia que non se adoptou ningunha medida para solucionar a situación, deixando unha sensación de opacidade e falta de control interno real.
Durante todo o 2025 non se levou a pleno ningunha proposta de recoñecemento extraxudicial de crédito, e o alcalde levantou numerosos reparos de intervención, asumindo así a responsabilidade directa de actos que debilitan a estrutura e a decisión administrativa.
Existen exemplos claros, como a autorización de obras con fondos pertencentes a subvencións sen o visto bo administrativo previo, algo que erosiona o control orzamentario e pon en risco a estabilidade financeira do Concello.
A isto súmase que o goberno acumula retrasos de máis dun ano no pagamento a provedores, empresas e asociacións locais, mentres a débeda coa empresa concesionaria do servizo de auga supera xa os 300.000 €. A realidade é que realizar só un recoñecemento extraxudicial ao ano implica unha clara falta de interese real polas empresas locais, saltándose procesos administrativos e, ao mesmo tempo, trasladándolles a elas a carga económica, incrementando a débeda do Concello.
Cómpre tamén sinalar que, cando esta situación chegue ao Pleno, é previsible que a complacencia do Partido Popular de Rianxo volva poñerse de manifesto, baixo o xa coñecido lema de “polo ben de Rianxo”, mentres as empresas seguen máis dun ano sen cobrar polos servizos prestados.
Cómpre lembrar, ademais, que a estas alturas xa deberiamos estar pendentes do peche da conta de 2025, e non só a falar do orzamento de 2026. Desde o PSOE deixamos claro que analizaremos con rigor as contas do próximo exercicio e traballaremos para que nelas se contabilice de forma real e transparente a débeda que este goberno está a xerar a través de facturas sen pagar e pagamentos suprimidos ou atrasados. Non se pode seguir agochando a realidade económica baixo discursos baleiros mentres as empresas e entidades locais soportan as consecuencias desta mala xestión.
Esta situación non só quebra os prazos legais —como o pago máximo de 30 días a provedores ou a aprobación das contas antes do 31 de marzo—, senón que deteriora a confianza na xestión municipal, debilita o control interno e pon en risco a sustentabilidade financeira de Rianxo a curto e medio prazo.
O PSOE de Rianxo esixe que o goberno municipal cumpra coa legalidade, restaure o rigor orzamentario, respecte os procedementos administrativos e dea prioridade aos pagos a quen sostén a actividade económica e social do noso concello.