A xornada “Do campo ao mundo”, organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia en colaboración coa Deputación de Ourense, reuniu a destacados representantes institucionais e empresariais do sector agroalimentario en Vigo e Ourense.
O Círculo de Empresarios de Galicia celebrou este martes unha nova edición do ciclo “Construyendo Futuro: Puente Digital Ourense–Vigo”, baixo o título “Do campo ao mundo: agroalimentación, talento e novos mercados para Galicia”, un encontro híbrido que conectou simultaneamente Ourense, Vigo e o ámbito online.
A xornada foi organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia en colaboración coa Deputación de Ourense e reuniu a representantes institucionais, empresariais e financeiros para debater sobre os retos e oportunidades do sector agroalimentario galego.
O representante do Círculo de Empresarios de Galicia, Diego Esquer, foi o encargado de abrir o encontro en Vigo, destacando “a importancia do agro en Galicia, que é un pilar fundamental da nosa economía”, e agradecendo a colaboración da Deputación de Ourense e a participación das entidades convidadas.
Desde Ourense, a presidenta de ADEGAL, Maite González, sumouse á apertura lembrando o peso da comarca da Limia como motor agrícola de Galicia: “A fórmula resultante deste modelo debe ser unha mezcla de tradición e de futuro.”
Añadiu que “nesta comarca producense 130 millóns de quilos de patacas e arredor de 40 millóns de cereais,” explicou, defendendo o compromiso do sector co medio ambiente e coas boas prácticas agrarias.
A internacionalización, eixo estratéxico
Pola súa banda, o director de Internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez Borrás, participou como voceiro convidado e destacou que o agroalimentario “segue sendo un dos grandes embaixadores da internacionalización galega”.
“O noso traballo é seguir apoiando o sector con accións promocionais, con presenza en feiras e con acompañamento continuo ás empresas,” explicou.
Álvarez Borrás lembrou que o IGAPE impulsa entre 35 e 40 accións anuais de promoción exterior e insistiu en que a clave resúmese no asociacionismo: “O exceso de individualismo é un dos hándicaps da nosa economía. Temos que aprender a cooperar para poder competir.”
Tamén destacou a importancia de simplificar trámites e reducir burocracia, para que “o apoio institucional sexa áxil, próximo e útil para as empresas.”
Financiación verde e compromiso sostible
O coordinador de Banca Agro de ABANCA, Alberto Silva, explicou o compromiso da entidade coa sostibilidade:“Hai pouco fixemos unha emisión de 500 millóns de euros en bonos verdes destinados a proxectos sostibles.”
Engadiu que “o campo hoxe por hoxe é un sector rendible” e que o banco “seguirá acompañando aos produtores con financiamento responsable e adaptado aos retos do rural”.
Coren: cooperativismo con visión global
O conselleiro do Grupo Coren, Javier Bobillo, compartiu a experiencia da cooperativa galega, que leva máis de 60 anos operando desde Galicia e exporta a máis de 60 países: “A unión fai a forza. Somos a maior cooperativa agroalimentaria de carne de España e probablemente a sétima de Europa.”
“A produción ten que estar en Galicia. Galicia é un mundo,” afirmou, defendendo o modelo cooperativo como ferramenta de futuro.
Mel de Galicia: biodiversidade e liderado feminino
A presidenta da IXP Mel de Galicia, Esther Ordóñez, puxo en valor o papel da apicultura no desenvolvemento rural: “O papel da muller no agro é imprescindible” e engadiu que “a polinización non se vai importar nunca.”
Ordóñez lembrou que a súa denominación é “a de maior número de apicultores inscritos e certificacións de España”, e destacou o valor da colaboración: “Temos que pensar como abellas: estar agrupados para poder loitar nos mercados.”
Un peche con visión compartida
O encontro concluíu cunha idea común: o futuro do agro galego pasa por cooperar, innovar e internacionalizar mantendo a identidade. “Temos talento, territorio, produto e marca Galicia; agora toca levalo máis lonxe,” resumiu o espírito da sesión.
Sobre o ciclo
“Construyendo Futuro: Puente Digital Ourense–Vigo” é un ciclo de encontros híbridos organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en colaboración coa Deputación de Ourense, que conecta empresas, institucións e territorio para reflexionar sobre os retos estratéxicos da economía galega.