O PP pedirá ao pleno que o Concello de Monforte inicie os trámites necesarios para que o municipio conte cun PXOM actualizado á normativa vixente

Katy Varela explica que explica que o PXOM constitúe o principal instrumento de ordenación urbanística dun municipio xa que nel se regulan, entre outras cuestións, a clasificación e cualificación do solo, planifícanse os usos do territorio, defínese o modelo de crecemento e organízase o desenvolvemento sostible do termo municipal.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte defenderán no vindeiro pleno que o Concello inicie os trámites necesarios para que o municipio conte cun Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado á lexislación vixente.

A voceira municipal, Katy Varela, sinala que o Concello de Monforte de Lemos carece dun PXOM actualizado e adaptado á Lei do Solo de Galicia e á normativa estatal vixente. “Esta situación provoca un marco de inseguridade xurídica, limita o desenvolvemento económico e urbanístico, frea o asentamento de novas actividades empresariais ou residenciais e dificulta a execución de proxectos tanto públicos como privados”, afirmou.

A voceira popular explica que, polo tanto, o PXOM constitúe o principal instrumento de ordenación urbanística dun municipio xa que nel se regulan, entre outras cuestións, a clasificación e cualificación do solo, planifícanse os usos do territorio, defínese o modelo de crecemento e organízase o desenvolvemento sostible do termo municipal.

Ante esta situación, “non se explica que este equipo de goberno sexa tan proclive a realizar obras de urbanismo, como as urbanizacións nas zonas denominadas C ou D no centro urbano ao carón do río, e non se decida a aprobación do PXOM, o que denota que é dunha absoluta irresponsabilidade abrir rúas e zonas urbanas novas sen ter aprobado un plan de urbanismo primeiro”.

A iniciativa que defenderán os populares no pleno contempla: 

– Instar ao equipo de goberno do Concello de Monforte de Lemos a iniciar de inmediato a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), como instrumento esencial para o desenvolvemento urbanístico, económico e social do municipio.

– Elaborar e facer público un calendario de traballo que recolla as distintas fases do procedemento de elaboración e tramitación do PXOM (avance, aprobación inicial, exposición pública, aprobación provisional e aprobación definitiva), cos prazos estimados para cada unha delas.

– Garantir a participación da veciñanza, asociacións, colectivos sociais e axentes económicos mediante a celebración de xornadas informativas, consultas públicas e a habilitación de canles para a presentación de propostas e alegacións ao longo de todo o proceso.

– Dotar unha partida específica nos orzamentos municipais destinada á contratación de equipos técnicos especializados para a redacción do PXOM, así como para os traballos e informes necesarios.

– Dar traslado deste acordo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, solicitando a colaboración e asesoramento técnico para a correcta elaboración do novo plan.

Comparte éste artículo
No hay comentarios