Rego defende ante Saiz un sistema verdadeiramente progresivo na cotización para protexer pequenos e medios autónomos

Frente a unha proposta “nin xusta nin razoábel” como a que fixo o Goberno na pasada semana, o BNG defende un criterio de maior xustiza, axustando máis e mellor as cotizacións aos ingresos reais.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, cuestiona á ministra de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, Elma Saiz, durante a sesión de control ao Goberno, sobre a proposta do seu Ministerio de incrementar as cotizacións das persoas autónomas. Rego cualificou a proposta realizada polo Goberno na semana pasada de “nin xusta nin razoábel” o que ficou constatado polo feito de finalmente, o Executivo tivo que retirala tras as críticas recibidas e realizar unha nova.

Rego lembra que o BNG xa advertira, ao rexistrar a súa pregunta a pasada semana, que o aumento das cotizacións previsto para os tramos máis baixos —especialmente para quen teñen ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI)— agravaría a situación de moitas persoas autónomas que xa enfrontan importantes dificultades para manter os seus proxectos profesionais e de vida.

“As subas propostas, sumadas ás moitas dificultades con que se encontran, podían converter o día a día de moitas persoas traballadoras autónomas nunha auténtica carreira de obstáculos” destaca o deputado nacionalista.

O deputado do BNG salienta que a crítica do BNG á proposta inicial non tivo un carácter partidista, senón que responde ao obxectivo de protexer os intereses do colectivo autónomo e garantir a sustentabilidade do sistema. “A diferenza da dereita, que tenta utilizar este asunto como arma electoral, o BNG defende criterios de xustiza e equidade” afirma Rego.

Nesa liña, o deputado galego insistiu en que o sistema debe axustar mellor as cotizacións aos ingresos reais: “quen menos gaña debe facer un menor esforzo contributivo, mentres quen ten máis ingresos pode asumir unha achega lixeiramente maior. Só así se garante equidade e tamén viabilidade para os proxectos profesionais”explica.

Rego valora que a nova proposta presentada polo Ministerio constitúe “un mellor punto de partida” para a negociación coas organizacións representativas do sector, mais advirte que o BNG seguirá atento ao desenvolvemento do proceso e esperará a coñecer o texto definitivo antes de fixar a súa posición final. Ademais, reclama que o debate inclúa outras melloras pendentes, como a ampliación da acción protectora das persoas autónomas.

“O BNG manterá o seu criterio de defensa dun sistema de cotizacións máis xusto, equilibrado e solidario, que garanta pensións dignas e non castigue a quen menos ten” sentenza Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios