AGESGA denuncian graves carencias na cobertura de emerxencias en Ourense tralo incendio de Trives

A Asociación dos Bombeiros dos GES de Galicia (AGESGA) denuncia que o incendio rexistrado na noite do 17 de outubro nunha vivenda da Pobra de Trives volve evidenciar as graves deficiencias da cobertura das emerxencias na provincia de Ourense. A distancia entre o mapa de servizos que se presenta á cidadanía e os recursos realmente dispoñibles cando se chama ao 112 resulta cada vez máis preocupante.

Segundo a información recibida pola asociación, o aviso produciuse ás 22:12 horas e, ás 23:01, case cincuenta minutos despois, os efectivos do GES de Castro Caldelas aínda se atopaban en camiño, mentres a vivenda ardía e existía preocupación pola posible propagación ás construcións lindeiras. AGESGA reclama que se esclarezan os tempos oficiais de mobilización e a información segundo a cal a dotación puido dirixirse inicialmente cara a Parada de Sil. O 14 de outubro, na Comisión Primeira do Parlamento de Galicia, denunciouse que as tabletas entregadas aos GES continúan sen a aplicación operativa para recibir a localización dos avisos do 112 e que, polas restricións dos dispositivos, nin sequera permiten utilizar ferramentas básicas de navegación como Maps.

Segundo nos consta, as primeiras actuacións corresponderon a efectivos de Medio Rural e Protección Civil de Trives. Estes recursos poden desenvolver, dentro dos seus medios e condicións de seguridade, un ataque indirecto ou exterior, labores loxísticos e tarefas de apoio, como o abastecemento dos vehículos de extinción. Pero non están equipados con traxes de intervención estrutural e equipos de respiración autónoma para asumir directamente un incendio no interior dunha vivenda. A súa intervención non pode substituír a presenza dunha dotación profesional con capacidade para o ataque interior e o salvamento.

O problema de Castro Caldelas é coñecido. A acta da Comisión de Seguimento dos GES do 30 de abril de 2026 recolle reiterados incumprimentos na cobertura e as dificultades de contacto durante outro incendio en Trives, en febreiro. A Comisión acordou por unanimidade trasladar á Deputación de Ourense a análise dunha posible nova sede para a zona de Caldelas e Trives, de cara á renovación do convenio se persistían os incumprimentos. Para AGESGA, deixar esa resposta para finais de 2027 é inasumible: a reorganización debe abordarse xa.

A isto engádese a falta de control efectivo sobre as funcións asignadas ao persoal. Segundo testemuños recibidos pola asociación, efectivos de Castro Caldelas estarían sendo destinados mesmo á limpeza de dous colexios e dun centro de saúde, para cubrir necesidades municipais. AGESGA solicita que se investigue e se corrixa esa utilización de recursos de emerxencias como persoal de obras ou limpeza. Un servizo de extinción e salvamento ten que estar preparado para saír cando se produce unha emerxencia.

Na Gudiña, un dos territorios máis afastados doutros parques de bombeiros, tamén constan denuncias de peches e quendas cun único efectivo. Segundo a información trasladada polos traballadores, producíronse períodos de gardas localizadas no domicilio en lugar de presenza efectiva na base. Mesmo nos chegaron referencias a conflitos polo rexistro horario e a posibles expedientes relacionados con esta organización da xornada, extremos que deben comprobarse. O esencial é que unha garda localizada na casa non equivale a unha dotación presencial con capacidade de resposta inmediata; é unha carencia particularmente grave nunha zona de cobertura estratéxica.

Os antecedentes amosan o alcance do problema. No Barco de Valdeorras, durante o rescate dun menor no río Sil, o servizo contaba cun único efectivo de garda, sen medios para efectuar por si só o rescate acuático, mentres os bombeiros da Rúa estaban ocupados noutra intervención. O menor permaneceu agarrado a unha árbore nun río de forte caudal, exposto a que a corrente o arrastrase cun posible desenlace mortal. Na Veiga, AGESGA denunciou unha intervención nun incendio dunha furgoneta con produtos inflamables sen protección adecuada; noutro accidente, recorreuse ao tractor dun particular para levantar un vehículo envorcado con ocupantes no interior. Estes episodios reclaman unha revisión seria de dotacións, equipamentos e procedementos.

Pero o deterioro máis profundo é o do persoal. As baixas e, sobre todo, a marcha de bombeiros dos GES cara aos consorcios provinciais e aos parques municipais están deixando prazas baleiras en numerosos servizos. Segundo a información que recibe AGESGA, prodúcense novas saídas no Barco de Valdeorras e ata tres na Veiga, ademais doutras repartidas por Galicia. É unha perda continuada de profesionais formados, mentres as vacantes non se repoñen. Non falamos simplemente de falta de axilidade administrativa: denunciamos que hai concellos que directamente deixan sen cubrir postos, ao asumir unha responsabilidade de extinción e salvamento que excede a capacidade de xestión municipal.

Cada saída sen reposición tradúcese en menos cobertura, peches ou gardas dun só efectivo, e obriga a cargar sobre o dispositivo veciño a responsabilidade do que deixou de funcionar. Vístese un santo para desvestir outro. Tamén noutras provincias se documentaron peches en Brión e Cervo, limitacións na cobertura nocturna de Ortigueira e Sanxenxo ou problemas graves de vehículos en Mugardos. Son apenas pinceladas dun deterioro que afecta ao conxunto do modelo GES e que AGESGA leva anos denunciando.

En Ourense, os GES naceron para actuar como unha extensión territorial dos catro parques comarcais de bombeiros, achegando a resposta a zonas que quedan afastadas deses parques. Con bases pechadas, dotacións mínimas que non se garanten e vacantes que non se cobren, esa extensión non funciona. Non existe a rede coordinada e plenamente operativa que precisa unha provincia tan extensa e dispersa. A asociación reclama que os GES se integren funcionalmente nun sistema provincial de extinción e salvamento, con cobertura real e criterios comúns de funcionamento.

A Deputación de Ourense coñece esta situación. As achegas económicas son necesarias, pero non constitúen por si mesmas unha solución. Non chega con incrementar o financiamento se non se comproba que as prazas se ocupan, que os efectivos están presencialmente dispoñibles e que o diñeiro público se emprega realmente no servizo para o que foi destinado. Un mapa, un convenio e unha transferencia económica non extinguen un incendio nin rescatan unha persoa.

Desde AGESGA esiximos ao presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, que impulse medidas inmediatas, no ámbito das competencias provinciais e en coordinación coas demais administracións, para recuperar efectivos, garantir quendas seguras, controlar o funcionamento dos GES e resolver sen demoras a situación de Castro Caldelas. Non reclamamos novas reunións nin anuncios: reclamamos decisións, prazos e resultados comprobables. O que non se pode é financiar unha cobertura que despois non existe na práctica.

Os veciños do rural teñen o mesmo dereito á seguridade que os dunha cidade. Cando unha vivenda arde, un menor está en perigo nun río ou alguén necesita un rescate, non abonda con que figure unha base no mapa. Precísanse bombeiros presentes, suficientes e preparados. As emerxencias non agardan polos calendarios administrativos e a protección da cidadanía tampouco pode facelo.

Fotografía. Incendio en Trives

Comparte éste artículo
No hay comentarios