O BNG esixe ao Goberno rematar as obras da A-54 e solucionar os problemas de tráfico entre Arzúa e Melide

Néstor Rego demanda ao Ministerio de Transportes celeridade para finalizar o último tramo da autovía que conectará Santiago con Lugo.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa nas Cortes do Estado para exixir ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel acelerar o remate das obras da A-54 no tramo entre Arzúa e Melide, co obxectivo de completar definitivamente a conexión por autovía entre Santiago de Compostela e Lugo.

Durante a visita a Arzúa, o deputado nacionalista estivo acompañado pola responsábel comarcal do BNG e deputada no Parlamento de Galiza, Iria Carreira; o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; o alcalde de Santiso, Manoel Adán; e a voceira do BNG en Melide, Ana Mosteiro.

O representante nacionalista denuncia que as demoras continuadas na execución deste treito están a provocar serios problemas de tráfico e seguranza viaria nos núcleos de poboación afectados polos desvíos temporais, especialmente nos núcleos de poboaciónde Arzúa e Melide.

Rego lembra que o Ministro de Transportes anunciou no mes de febreiro, durante a inauguración do tramo da A-54 entre Palas de Rei e Melide, que a autovía estaría finalizada integramente a finais de 2025. Porén, o deputado nacionalista advirte que o estado actual dos traballos pon en cuestión o cumprimento deste compromiso.

“O Goberno do Estado leva anos prometendo prazos que non se cumpren. Non é admisíbel que unha infraestrutura estratéxica como a A-54 continúe sen finalizarmentres a veciñanza sofre as consecuencias das obras e o incremento do tráfico pola N-547” advirte Néstor Rego.

Neste sentido, o deputado nacionalista demanda explicacións sobre as causas dos atrasos acumulados e require coñecer se o Ministerio valora a apertura parcial do tramo restante, dada a diferenza no grao de execución das obras.

Segundo sinala a deputada do BNG no Parlamento de Galiza e Responsábel Comarcal do BNG, Iria Carreira, na parte entre Melide Sur e a saída de Santiso as obras están moi avanzadas, restando apenas labores de pintura e sinalización, mentres que no treito máis próximo a Arzúa os traballos avanzan con moito atraso, mantendo aínda tarefas de desmonte e execución de viadutos pendentes. “Isto permitiría aliviar o tráfico que as obras están a provocar no núcleo de Melide” explica o deputado

“O Ministerio debe cumprir co acordado e fixar un calendario definitivo e público para a posta en servizo do tramo pendente. A conexión segura e eficiente entre Santiago e Lugo é fundamental para vertebrar o país e favorecer o desenvolvemento económico e social do interior galego” subliña a nacionalista.

Comparte éste artículo
No hay comentarios