A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, acompañada polo portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo e o responsábel local da formación, Antón Bao, valoraron o proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para o 2026. O BNG presentará múltiples emendas aos orzamentos, centradas en «proxectos clave para Lugo» como o Gran Parque Central, o Cuartel de San Fernando, a Tinería e os centros de ensino que, segundo Rubén Arroxo, «están a sufrir o abandono absoluto da Xunta de Galiza«
O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, ironizou con que os orzamentos da Xunta «parecen á carta dun neno aos Reis Magos: pon unha chea de cousas para ver se con sorte se cumpren tres ou catro».
Arroxo fixo unha valoración dos proxectos «que conteñen partidas que aparecen todos os anos e que despois nunca se executan«, como o Plan Paradai, onde toda a veciñanza pode ver o estado da rúa Serra de Meira ou a calzada das Gándaras, ou proxectos que levan anos paralizados como o Cuartel de San Fernando (que leva 500.000€ todos os anos), o barrio da Tinería «onde seguimos tendo que ver o estado no que se atopan as propiedades da Xunta neste barrio».
O portavoz do BNG fixo fincapé nos anuncios do Pazo de Dona Urraca, un edificio que ten máis de 1.000 anos, «no que agora anuncian que vén de concluír o concurso de ideas que hai 17 anos, cando gobernaba o BNG na Xunta de Galiza xa estaba feito». Segundo Rubén Arroxo, «o PP xa tiña o traballo feito cando chegou en 2009, e agora volven facer un proxecto case idéntico, Lugo perdeu 17 anos«.
Arroxo criticou a falta de «partidas económicas reais para proxectos importantes» e afirmou que os orzamentos tampouco inclúen outras cuestións importantes, como o mantemento dos centros públicos de ensino. «Hoxe mesmo despertábamos coa noticia de que volve caer o teito nas aulas do Colexio das Mercedes, un colexio no que a comunidade educativa leva pedindo investimentos por parte da Xunta». Arroxo explicou que esta situación se ve tamén en outros centros, como o IES Lucus Augusti, despois do retraso das obras ao comezo de curso.
Arroxo anunciou tamén que o BNG reclamará un novo estacionamento público en Fontiñas «un barrio que ten un problema serio de estacionamento». Arroxo lembrou que, cando se anunciou que a Xunta ía construír un estacionamento público en cada cidade, o BNG propuxo levalo a este barrio «para solucionar este problema e mellorar a fluidez do tráfico». pero que a Xunta decidiu levalo á zona de Casás.
Rubén Arroxo rematou a súa intervención afirmando que «temos unha oportunidade única de ter un gran parque que sumaría 2 hectáreas de extensión se xuntamos o espazo da Estación de Autobuses coa Praza da Constitución, a Mosqueira e a Praza de Bretaña, 2 hectáreas de espazo público e de zona verde», e engadiu «esta é a oportunidade que vai ter Lugo, porque non vai haber outra posibilidade de ter unhas infraestruturas deste tipo que se poidan retirar para crear este espazo».
Arroxo afirmou que o BNG reclamará partidas orzamentarias para o Gran Parque Central de Lugo dado que a Xunta de Galiza anunciou que a nova Estación Intermodal estará en funcionamento en outubro do 2026 «e nestes orzamentos non atopamos nin un só euro nin sequera para o proxecto do futuro deste espazo». «Ímonos atopar coa vella estación de autobuses cun resultado como foi no seu día o do vello edificio da residencia», criticou Rubén Arroxo, que engadiu «imos ver un novo edificio en ruínas en pleno centro da cidade, tal e como levan 17 anos deixando o parque de Dona Urraca»
A deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, afirmou que «se hai algo que caracteriza ao Partido Popular en cada proceso de debate e de tramitación de orzamentos, no que ten a ver con Lugo é fume e propaganda, incumprimentos e chapuzas«.
A parlamentaria do BNG afondou no proxecto «anunciado a bombo e platillo» do antigo edificio de ASPNAIS, «que se ía converter nun gran centro de saúde mental para atender a toda a provincia». «Descubrimos que, ademáis de licitar o proxecto máis tarde do que o anunciaran, o procedemento está paralizado polo Tribunal Contencioso Administrativo«, explicou Olalla Rodil.
O contrato está paralizado por unha decisión do Tribunal de Contratación Pública, despois dunha denuncia que presentou o Colexio de Arquitectura de Galiza, porque ao contrario do que di a lexislación, a Lei de Contratos no Sector Público, limita ao 51% o peso da oferta económica, mentres que a Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, quería primar o prezo por debaixo da calidade do proxecto até nun 60%.
«O Partido Popular ou non sabe gobernar ou non sabe o que pon a Lei de Contratos do Sector Público, o único que intentan é enganar a todo o mundo, enganar a todo o mundo facendo promesas que non son capaces despois de materializar», afirmou Rodil.
«Esta é unha mostra do desleixo absoluto do Partido Popular con Lugo e de que o papel aguanta de todo«, declarou Olalla Rodil, que puxo máis exemplos, como os reiterados 500.000€ para o Plan Paradai «que logo nunca se executan», os anuncios do barrio da Tinería, ou o anuncio dun museo da romanización, «para os que despois non se move nin un papel, nin se pon 1 € para facelos realidade».
O responsábel local, Antón Bao, fixo unha primeira valoración na que cualificou os investimentos para a cidade como «un cero absoluto, todos aqueles proxectos ou necesidades do concello de Lugo seguen completamente desatendidas».
Bao puxo como exemplo o Cuartel de San Fernando «para o que se consignan 500.000 € que non chegan nin para empezar a poñer as ventás, cando necesita un investimento moito maior». Segundo o responsábel local «isto demostra que non hai absolutamente ningún compromiso da Xunta e que se está castigando a Lugo politicamente«.
«Afortunadamente temos un goberno no concello de Lugo que está cumprindo día a día co que prometeu, co que programou e co que planificou, o Bloque Nacionalista Galego levaba un programa electoral que está a cumprir practicamente no 100%», afirmou Antón Bao, que engadiu «isto é cumprir coa cidadanía, porque non podes facer é anunciar orzamentos que despois nunca se cumpren».