Tinguido da cor da casa remataba este derbi inédito nesta Primeira Futgal, nun encontro desputado en horario de mediodía e cunha bancada moi numerosa onde sobre todo os afeccionados locais estiveron moi animosos e desfrutaron dun gran resultado despois de varias xornadas amargas, algo no que seguen mergullados os visitantes, afundidos na táboa nunha tempada que está a ser moi dura para os roxazuis.
Non daban nin os dez minutos de tempo cumprido cando Soule adiantaba aos seus rematando de cabeza unha falta sacada por Javi. Ese gol servía para tranquilizar a un Camariñas que buscaba o segundo mentres a Esteirana tentaba saír a contra, e nunha delas, xa a piques de cumprirse o tempo de lecer, Toni aproveitaba un despiste na área local para facer a igualada. Pouco duraría, pois nada máis iniciarse o segundo tempo, un pase de Adam propicia un penalti sobre Javi que transformaba o propio Adam. Aínda pelexaron os esteiráns, pero o espectacular gol de Javi e o posterior do xove Nuno, xuvenil de primeiro ano, acabaron coas súas esperanzas e folgos, deixando ao Camariñas saboreando un triunfo necesario e redentor.