O Celta Fortuna recuperou a segunda posición na táboa logo de derrotar ao Racing nun choque no que os da cidade naval adiantáronse opor medio de Pascu ao comezo do segundo tempo. Gavián igualou en dez minutos e despois, adaptándose a xogar con dez pola expulsión do goleador, viraron o resultado á contra, cunha cabezada de Marín.
Duelo posicional
O partido non foi brillante, pero si emocionante. Os dous equipos quixeron ter a pelota e foi o Racing, atacando a saída fortunista, quen mellor comezou o partido, malia que os locais dispararon primeiro.
Un erro na saída de Saúl estivo a piques de causar estragos nos primeiros compases. O Fortuna, recuperou, pero só puido resolver cun tiro de Hugo González que atallou Parera. Despois seguiu outro disparo desviado de Hugo González.
Burcio non tapaba e Anxo comezou a verse en apuros cando o Racing progresaba pola esquerda. Un erro na distancia da zaga local facilitou unha entrada de Jairo na área, o seu centro foi punteado por Álvaro á rede pero Román Román anulou o gol por fóra de xogo.
Outro gol anulado ao ilicitano pola mesma causa e un remate de Saúl, detido por Carrillo foron as novas ocasión racinguistas diante dun rival que corría demasiado e no que Soumuah ficaba demasiado lonxe dos seus compañeiros. Joel tentou compensalo pola esquerda cando o Fortuna podía combinar, pero o carrileiro só aguantou até o descanso e debeu retirarse por problemas físicos.
Virada cun menos e un xuvenil chamado a última hora
Fredi fixo a substitución obrigada no descanso, pero Miller veuse obrigado a xogar moi atrasado. O Racing dominaba e tivo dúas aproximacións pola esquerda. Na segunda, o balón chegou a Pascu, que na área fusilou a Carrillo.
O choque parecía controlado polo cadro verde, pero unha acción de estratexia nun saque de esquina, Gavián arrancou desde o balcón da área a da pequena e, na perpendicular do segundo pau colocou unha extraordinaria cabezada que acabou na rede.
O xogo equilibrouse máis, reducíndose á virtude de quen máis duelos directos gañara. O Racing quixo quebrar o guión e nunha arrincada de Pascu foi agarrado por Gavián. Os dous goleadores na mesma acción na que o celeste foi prexudicado ao ver o segundo amarelo.
Cun menos o Celta Fortuna aplicouse no pregamento. Axiña, Fredi recompuxo a orde defensiva arriscando co estreante Khayat, un xuvenil convocado a última hora. O xogador resultaría decisivo, igual que Marín, que tamén entrara de refresco. Co Racing máis ofensivo, Khayat correu paralelo á cal, pola esquerda do ataque, Marín acompañou polo centro e cazou o centro medido coa cabeza, diante de Parera, que nada puido facer,
Faltaban doce minutos e Pablo López aumentou o perfil ofensivo do Racing. Tejera, castigado pola dureza dos xogadores celestes, deixou o campo. Entrou Peña., que co seu bo golpeo tentouno unha vez, igual que Álvaro Ramón, pero nin Escobar puido atopar opcións de remate.
O colexiado complicouse no prolongamento. Expulsou ao fisioterapeuta local e despois, meteuse na conversa entre Pablo López e Alemany para expulsalos escribindo na acta que estaban protestando unha decisión súa.
O Celta Fortuna recupera a segunda posición, desbancando dela aos ferroláns, que non poden asaltar o primeiro posto aproveitando a derrota do Tenerife no día anterior en Barakaldo.
Ficha
SÁBADO 25/10/2025 (16,15) Campo: BALAÍDOS (3.000)
R.C. CELTA FORTUNA : 2 – RACING C. FERROL : 1 (0‑0)
CEL : Carrillo; Anxo, Meixús, Jaime Vázquez (Khayat 69’); Gavián, Burcio, Antañón (Capdevila 69’), Joel (Miller D); Hugo González (Ndiaye 80’), Somuah (Marín 69’), Marcos. Tre. Fredy. (Banco: Barone (g); Marcos González (g); Carro; Luis Bilbao; Tărbă).
RAC : Parera, Leal (Mardones 78’), Edgar, Saúl, Álvaro Ramón, Gorostidi (Azael 83’), Tejera (Peña 78’), Jairo; Concha (Escobar 72’), Álvaro (Dacosta 72’), Pascu. Tre. Pablo López. (Banco: César (g); Lucas (g); Artetxe; Chema; Gelardo: David; Álvaro Juan).
Goles: 0-1 Pascu 48’; 1-1 Gavián 57’; 2-1 Marín 78’
Árbitro: Román Román (Castela e León). Auxiliares: De Ponga Díez e López Candanedo. 4º árb.: Oliveira Dios.
Disciplina: CA: Hugo González 39’; Antañón 47’; Marín 71’; Leal 75’; Meixús 80’; Edgar 86’; Saúl 87’ / Tejera (sus. RAC) 88’ // DA: Gavián 29’ e 66’ // VD: José Feijoo (fisio, CEL) 89’; Alemany (deleg. CEL) 89’; Pablo López (tre. RAC) 89’.