A convidada afondará na Estratexia Marítima de España 2025-2050, un documento promovido polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través da Dirección Xeral de Marina Mercante.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este mércores 29 de outubro, ás 18:00 horas, o relatorio da directora xeral de Marina Mercante, Ana Núñez Velasco, no marco do Ciclo de Conferencias 2025/26 da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto con Navantia, baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez, e do responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol, Rafael Morgade.
Ao longo da súa intervención, a directora xeral de Marina Mercante afondará na Estratexia Marítima de España 2025-2050, un documento promovido polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través da Dirección Xeral deMarina Mercante, e aprobado no mes de xuño que pretende converterse “no eixo vertebrador para a descarbonización e a modernización do sector marítimo, esencial para a economía española, xa que ao redor do 68,8% das exportacións e o 70,5% das importacións se realizan botando man do transporte marítimo”.
Tal e como explica a propia Ana Núñez Velasco, o texto establece sete eixos de acción encamiñados a lograr os seguintes obxectivos: contribuír á transición enerxética do sector marítimo, a impulsar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, a establecer flotas e bandeiras competitivas, a avanzar na dimensión social do transporte marítimo para incrementar o seu potencial na xeración de emprego, a despregar un sistema portuario competitivo e sostible, a proporcionar un marco específico á náutica de recreo e avanzar na construción dunha administración marítima máis áxil e eficiente, entre outros.
A conferencia poderá seguirse, de xeito presencial, ata completar o aforo,desde o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e, en liña, a través da páxina web www.catedracosmealvarez.com.
Premio á Innovación Navantia para Traballos Fin de Máster
Antes da conferencia da directora xeral de Marina Mercante, Ana Núñez Velasco, terá lugar o acto de entrega do Premio e do Accésit á Innovación Navantia para Traballos Fin de Máster (TFM), presentados e defendidos no Curso 2024/25, no eido da enxeñaría, concretamente no do naval e no do industrial, na Universidade da Coruña (UDC).
Nesta ocasión, o Premio recaeu no traballo titulado “Development and Evaluation of an AI-Based Ship Motion Prediction System”, realizado polo alumno egresado do Máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo, Arham Abdullah. Pola contra, o Accésit foi para o traballo titulado “Estudo do envellecemento mariño nun adhesivo sometido a fatiga para a súa implementación no sector naval”, presentado polo alumno egresado do máster en Enxeñaría Naval e Oceánica, Daniel A. Souto Silvar.
Os dous antigos estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) recibirán un cheque por valor de 1,500 e de 500 euros, respectivamente, xunto con cadanseu diploma acreditativo.