A deputada popular Paula Mouzo pide ao PSOE que vote a favor dos orzamentos da Xunta para 2026 tras confirmar o conselleiro Román Rodríguez a obra de rehabilitación integral do CEIP O Areal de Camariñas. O titular do departamento autonómico de Educación explicou, durante a súa comparecencia na Comisión de Orzamentos do Parlamento galego que o goberno Rueda prevé financiar con cargo as contas da Xunta para o ano próximo esta obra que suporá unha remodelación completa do actual centro escolar. Para tal fin destinará preto de un millón de euros, con cargo a una partida que supera os 13 millóns de euros, baixo o epígrafe “obras de rehabilitación de centros educativos”
“Agardo que agora que xa está a partida confirmada, a deputada do PSOE, Patricia Iglesias, que tantas dúbidas intentou sementar, non intente boicotear este proxecto, e vote a favor dos orzamentos da Xunta”. Con todo Paula Mouzo amosou a súa desconfianza, xa que a propia deputada socialista “nin tan sequera se presentou ao debate de orzamentos, e iso que afirmaba estar moi interesada en confirmar esta obra”.
Desde o PP aseguran que os orzamentos da Xunta para 2026 reforzan o compromiso do Goberno de Rueda coa Costa da Norte e avanzan en investimentos estratéxicos que mellorar a vida da veciñanza, como poden ser esta partida para a mellora do colexio pero tamén outras como os máis de 326.000 euros que permitirán dotar dun novo mamógrafo ao Hospital da Cee, os 8 millóns de euros para impulsar a vía de alta capacidade Baio-Berdoias, o medio millón de euros que se leva a variante de Carballo ou os 13,9 millóns de euros para a depuradora de Cee-Corcubión (1 M€ para o 2026), entre outros.