Familias de Muxía denuncian o abandono da Inclusión Educativa por falta de recursos

As familias do CEIP Virxe da Barca e CEIP Os Muiños (Muxía) queremos facer pública a nosa profunda preocupación pola situación que está a vivirse nos nosos centros educativos cando xa levamos case dous meses de curso escolar.

Desde o inicio do curso vimos solicitando, de forma reiterada, a incorporación dunha persoa máis para Pedagoxía Terapéutica (PT) que atenda os nosos colexios e que se cumpran as ratios en Educación Infantil co obxectivo de cubrir as horas que quedaron descubertas polos recortes que Educación fixo este ano nos nosos colexios.

Estas demandas foron xustificadas ante a Consellería de Educación nas persoas da inspectora da zona e do inspector xefe e, porén, foron denegadas reiteradamente mentres se nos engañaba pedindo tempo para buscar solución que non chegaron.

Os recortes no sistema educativo e, moi especialmente, no ámbito da inclusión e a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), están a afectar gravemente o funcionamento dos colexios e o desenvolvemento deste alumnado. Esta situación non é un caso illado, pois tamén se está a producir en concellos vecinos sen que se adopten medidas para solucionalo.

Neste momento os docentes especializados cos que contan ambos centros están totalmente saturados, sen horas nin dispoñibilidade para ofrecer unha atención axeitada ao alumnado que máis o precisa. As consecuencias desta falta de recursos recaen directamente sobre os nosos fillos e fillas que ven limitadas as súas oportunidades de aprendizaxe e a atención especializada á que teñen dereito.

As familias hai tempo que solicitamos reunións coa inspectora da zona e co inspector xefe de Educación -e cónstanos que tamén as dirección lles trasladaron que era precisa a dotación de profesorado especialista (PT)- sen obter ata o momento ningunha solución. Cómpre lembrar que xa houbo unha reunión previa coas ANPAS da inspectora e outra co inspector xefe na cal non se obtivo ninguna solución nin aclaración concreta. A única resposta recibida, posteriormente, por correo electrónico, foi que “xa esta todo solucionado”, algo que non se corresponde co que se vive nas aulas diariamente.

As familias estivemos hoxe protestando diante da Delegación de Educación da Coruña, xunto co profesorado, que estaba tamén demandando unha atención ao rural e que se cubran as prazas de PTs. Entregamos no rexistro de educación máis de mil sinaturas da veciñaza esixindo atención especializada e adecuada para os nosos nenos e nenas. O profesorado, as direccións e as familias imos nisto a unha porque nos xogamos que nos recorten dereitos para o alumnado máis vulnerable.

Solicitamos de novo que se nos conceda unha reunión urxentemente coas autoridades educativas que teñan potestade para solucionar esta situación: o inspector xefe, o delegado provincial ou mesmo o conselleiro de Educación, Queremos que nos dean unha resposta e unha solución real que garanta unha educación inclusiva e de calidade para os nosos fillos e fillas.

O alumnado das zonas rurais merece os mesmos recursos e atención que en calquera outro punto do noso país e non os está a recibir. Consideramos que non é admisible recortar na atención ao alumnado máis vulnerable. Tomamos nota da actitude da consellería de educación da Xunta de Galicia e anunciamos máis mobilizacións, se non se da unha solución. Seguiremos ata que a administración rectifique e os nosos fillos e fillas reciban os recursos aos que teñen dereito.

As familias do CEIP Virxe da Barca e CEIP Os Muiños de Muxía.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios