Lara Méndez denuncia o «rodillo» do PP no DEA: «Rueda usa a súa maioría para dicirlle non á xente e si aos de sempre

O Grupo Parlamentario Socialista, a través da súa vicevoceira Lara Méndez, denunciou hoxe o uso do «rodillo parlamentario» por parte do Partido Popular no Debate sobre o Estado da Autonomía (DEA). Méndez lamentou que o PP de Alfonso Rueda votara en contra de 38 das 40 resolucións presentadas polo PSdeG, o que cualificou como «un monólogo con final cantado» que ignora os problemas reais da cidadanía galega.

O «non» sistemático aos servizos públicos e á vivenda Os socialistas presentaron corenta propostas concretas para mellorar a vida en Galicia, das que o PP apenas aceptou dúas. Segundo Méndez, o Goberno de Rueda deulle as costas ás demandas sociais máis urxentes:

  • Sanidade: Rexeitaron un plan áxil para reducir listas de espera e máis recursos para Atención Primaria.
  • Vivenda: Dixeron «non» á creación dun banco público con 10.000 vivendas a prezos alcanzables.
  • Sede Mundial 2030: O PP rexeitou comprometer o financiamento para que Vigo sexa sede do Mundial de Fútbol.
  • Transparencia: Votaron en contra de facer público o memorando secreto entre a Xunta e a empresa Altri.

Un Goberno que mira a Madrid en lugar de a Galicia Lara Méndez puxo o foco en que o proxecto do PP para Galicia carece de contido propio: «O 68% das resolucións que presentou o PP ían dirixidas ao Goberno central. Nun debate sobre o estado da nosa comunidade, o partido que goberna dedicou o seu esforzo a pedir cousas a Madrid. Iso é unha confesión pública de que non pensan gobernar Galicia», afirmou a vicevoceira.

Méndez foi especialmente crítica co «discurso estrela» de Alfonso Rueda, quen no canto de dar solucións, dedicou o debate a «apuntar co dedo e culpar aos traballadores que están de baixa e aos médicos que as prescriben».

Promesas incumpridas e falta de diálogo A vicevoceira socialista advertiu de que mesmo cando o PP acepta transaccionar algunha proposta, os seus compromisos «non valen nada». Puxo como exemplo o Plan de Saúde Mental aprobado o ano pasado, que segue sen executarse, ou as propostas de cultura transaccionadas onte: «Xa as están a incumprir. Non lles deu nin para respectar un acordo asinado o día anterior diante de toda a Cámara», denunciou.

«O PP chegou a este DEA sen propostas serias para Galicia e marchou igual. Rueda entende o Parlamento galego como un trámite máis que como un lugar onde render contas. Cun 95% de votos en contra da oposición, o PP demostra que o seu único plan é o rodillo e a confrontación baleira», concluíu Méndez.

Comparte éste artículo
No hay comentarios