Francisco Conde anunciou que o Partido Popular pedirá explicacións no Congreso ao Ministerio de Transportes e a Correos pola supresión da praza de carteiro en Ribas de Sil e esixirá a súa recuperación.
O equipo de goberno socialista de Ribas de Sil votou en contra de repoñer o servizo de Correos no municipio que está sen carteiro dende o pasado mes de xuño.
Os concelleiros do Partido Popular defenderon unha iniciativa no último Pleno para esixir “a implicación do alcalde para solicitar ante o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible e a Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, S.A. a adopción de medidas de forma urxente para corrixir a situación que xera atrasos recorrentes na entrega de cartas e paquetes aos veciños e veciñas.
A voceira popular, Sandra Macía, condena a perda de servizos no municipio “sen que o alcalde faga nada”. A popular explica que “os servizos ferroviarios foron a menos, suprimíronse paradas do tren, despois pechou a única oficina bancaria e agora estamos sen carteiro” e, segundo manifesta, “non podemos deixar perder máis servizos para os veciños e veciñas”.
Pola súa banda, o deputado Francisco Conde anunciou que “o Partido Popular pedirá explicacións no Congreso ao Goberno de Sánchez -tanto ao Ministerio de Transportes como a Correos- pola supresión da praza de carteiro en Ribas de Sil” e esixirá a súa recuperación para que os veciños e veciñas poidan recuperar a normalidade”.
A deputada autonómica Raquel Arias considera “sorprendente” que un alcalde vote en contra de servizos para o seu pobo, “pero non é sorprendente que Sánchez deixe ao rural sen servizos”. Nese sentido, lembrou a situación da zona sur da provincia onde “cada vez dispoñemos de menos servizos ferroviarios, non temos paradas de autobuses, a N-120 está chea de fochancas sendo un perigo para a circulación e Ribas de Sil non ten carteiro. É un suma e segue por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.