Rinlo, Mondoñedo, Foz e Alfoz serán os escenarios dun programa que combina historia, patrimonio, paisaxe e curiosidades da man da guía oficial Ana Pena.
A empresa Guía tu día, dirixida pola guía oficial Ana Pena, organiza durante o mes de agosto un novo ciclo de visitas guiadas coa finalidade de dar a coñecer o patrimonio cultural, histórico e natural da Mariña Lucense a través de percorridos interpretativos pensados tanto para visitantes como para a propia veciñanza.
O programa arrancará o domingo 9 de agosto en Rinlo, cun paseo polo litoral para descubrir a historia desta emblemática vila mariñeira, a tradición do percebe, as antigas cetáreas e a estreita relación da súa poboación co mar.
A seguinte cita será o luns 10 de agosto en Mondoñedo, onde os participantes percorrerán o casco histórico coñecendo os seus principais monumentos, personaxes ilustres, tradicións e curiosidades. A actividade inclúe tamén a visita á Catedral de Mondoñedo, declarada Patrimonio da Humanidade, aínda que a entrada ao templo (5 euros) non está incluída no prezo da visita.
O xoves 13 de agosto, a proposta trasladarase a Foz, cun roteiro para interpretar a evolución do seu porto e da actividade marítima, que rematará coa visita á exposición Somos Mar, un espazo que pon en valor o patrimonio marítimo e a memoria das xentes do mar.
O ciclo concluirá o domingo 16 de agosto en Alfoz, cunha visita ao Castelo de Castrodouro para coñecer a historia e a lenda do Mariscal Pardo de Cela, seguida dun percorrido polo Museo Etnográfico da Finca Galea, un dos espazos máis singulares da comarca para comprender a importancia da auga na vida tradicional galega.
As catro actividades teñen un prezo de 12 euros por persoa e realizaranse cun mínimo de cinco participantes.
Segundo explica a responsable de Guía tu día, esta iniciativa nace coa intención de «achegar o patrimonio da Mariña dun xeito próximo e ameno, convertendo cada visita nunha experiencia para comprender mellor este territorio».
As reservas e a información poden realizarse no teléfono 654 99 68 57.