O PP de Sarria propón unha estratexia para atender á soidade non desexada e fomentar o envellecemento activo no municipio

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria presentou unha moción para o seu debate no Pleno na que propón ao goberno local o deseño dunha «Estratexia Municipal Integral de Atención á Soidade non Desexada e o Fomento do Envellecemento Activo». A iniciativa busca crear unha estrutura de apoio social que abarque a totalidade do concello, poñendo o foco na necesidade de artellar respostas específicas tanto para o núcleo urbano como para a poboación do extenso rural sarriao.

Os populares subliñan que, ante o reto do envellecemento poboacional , o Concello «non pode permanecer alleo» e debe ir «máis aló da mera asistencia». Para iso, a moción céntrase na prevención a través do fomento do envellecemento activo, promovendo a participación social e as relacións interxeracionais.
UNHA REDE DE ALERTA EN TODO O TERRITORIO
Un dos puntos clave da moción é a esixencia de que a estratexia inclúa «protocolos de detección temperá». Os populares propoñen que estes protocolos se coordinen activamente cos «servizos de proximidade».

Esta rede de alerta implicaría a axentes esenciais na vida diaria do municipio. O obxectivo é identificar situacións de illamento de forma proactiva, un mecanismo que o PP considera vital.

A moción do Partido Popular tamén solicita que o plan non sexa unha iniciativa unilateral do goberno, senón que sexa «elaborada contando coa participación dos grupos políticos da Corporación, os servizos técnicos municipais e o tecido asociativo e institucional».

O obxectivo final, segundo recolle o texto, é «que ningunha persoa maior se sinta soa e que todas teñan oportunidades para seguir achegando valor á sociedade».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios