“O Goberno ten que actuar e garantir que Renfe trate á Galiza con equidade e xustiza” defende Rego.
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno do Estado e á dirección de Renfe que adopten medidas urxentes para corrixir os prezos abusivos dos billetes de tren entre Madrid e as cidades galegas para o mes de decembro, coincidindo co período do Nadal. O deputado do BNG, Néstor Rego, exixe o mesmo trato para a Galiza que oferta para outros territorios do Estado.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que “as tarifas parten de cifras escandalosas, entre 80 e 111 euros por traxecto, o que dificulta viaxar en tren áGaliza nestas datas para a maioría social. E hai que lembrar que estamos a falar dun servizo que collen moitos emigrantes galegos para voltaren ás súas casas familiares polo Nadal”.
Rego lembra que o pasado 27 de outubro abriuse por fin a venda de billetes de longa distancia para a Galiza, despois de que noutras conexións do Estado, como Madrid-Málaga, Madrid-Sevilla ou Córdoba, xa levasen máis dun mes dispoñíbeis. “Á marxe deste atraso reiterado, o máis grave é que Renfe volve a situar a Galiza nunha posición de discriminación clara, ao aplicar unha política tarifaria que parte de prezos desorbitados desde o primeiro día” sinala o deputado nacionalista.
Segundo os datos recollidos polo BNG, os billetes para viaxar entre Madrid e cidades galegas durante os días previos á Noiteboa presentan cifras que “non teñen xustificación posíbel”: até Ourense, entre 84 e 95 euros; até Santiago, entre 89 e 105 euros; até A Coruña, entre 89 e 111 euros; até Lugo, entre 80 e 91 euros; e até Vigo ou Pontevedra, entre 89 e 101 euros.
“Resulta inaceptábel que Renfe fixe como punto de partida tarifas tan elevadas, mentres en traxectos semellantes noutros territorios, como o Madrid-Xixón, se poden atopar billetes dende 28,40 euros” afirma Rego. “Non estamos a falar de servizos diferentes, senón dos mesmos AVE, Alvia e Avlo que operan noutros territorios, mais cun trato moi distinto cando se trata da Galiza.”
O deputado nacionalista critica que Renfe converta o tren galego nun negocio, ignorando que “a Galiza aínda carece de servizos de cercanías e soporta tarifas -mesmo as bonificadas- nos trens de Media Distancia e AVANT até dez veces superiores ás doutros territorios”.
Un trato que poña fin á discriminación coa Galiza
Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno do Estado que corrixa de inmediato as tarifas abusivas dos billetes entre Madrid e as cidades galegas. “Debe aplicar políticas de prezos xustos e accesíbeis, semellantes ás doutras conexións do Estado, e poñer en marcha ofertas e lanzamento de descontos específicos para a Galiza garantindo igualdade de trato” exixe o deputado nacionalista.
“Non pode ser que viaxar á Galiza custe o duplo ou o triplo que ir a outras partes do Estado. Estamos a falar dun servizo público, non dun luxo para uns poucos” subliña Rego. “O Goberno ten que actuar e garantir que Renfe trate á Galiza con equidade e xustiza”.