Antonio Ameijide lamenta “a falta de colaboración real” cos concellos da provincia a subir o Plan Deputación en 250.000€, en lugar dos 10M€ solicitados polo Grupo Popular: “José Tomé demostra que vai seguir gobernando a golpe de convenio a porta pechada cada venres en xunta de goberno e só para os seus amigos, marxinando a máis da metade da provincia”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo denuncian que “unha vez máis José Tomé volveu a facer gala da súa falta de diálogo, de transparencia e de respecto institucional”, que volve amosar o seu desinterese por escoitar aos veciños da provincia.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamenta que “tivese que ser en Santiago onde se presentasen as liñas mestras das contas da Deputación, en lugar de na provincia de Lugo”. “José Tomé segue negándose a reunirse co Grupo maioritario da corporación, unha mostra evidente de falta de lealdade institucional e de desprezo a quen representa e escoita á maioría dos veciños da provincia”, sinalou, do mesmo xeito que “se nega a escoitar as necesidades dos 67 concellos”.
Un ano máis, os orzamentos da Deputación chegan tarde – a Lei Reguladora das Facendas Locais recolle no seu artigo 168.4 que o presidente da entidade formará o presuposto xeral e o remitirá, informado pola Intervención e con anexos e documentación complementaria ao Pleno da corporación antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución – e sen vontade de consenso, nin de incorporar achegas realizadas por todos os veciños da provincia. “Tomé presentou antes as contas provinciais en Santiago que en calquera punto da provincia de Lugo, unha nova falta de respecto cara os lucenses e un claro síntoma de falta de proxecto para a provincia”, denunciou.
Ademais, Antonio Ameijide critica que “un ano máis, Tomé falou moi pouco das contas da Deputación e si confrontou moito coa Xunta”. “Vai a Santiago coa escusa de falar dos orzamentos da Deputación, pero o único que fai é criticar á Xunta de Galicia”, sinalou, ao que engadiu que “é un claro síntoma de que Tomé e o seu goberno de PSOE e BNG carecen de proxecto para Lugo e teñen un modelo político esgotado”.
O voceiro popular recorda que no pleno desta semana defendemos unha iniciativa na que se pedía incorporar ás contas da Deputación para 2026 cinco medidas acordadas cos representantes dos 67 concellos da provincia. “Nin sequera quixeron escoitar cinco iniciativas nas que coincidían todos os concellos, sen excepción”, apuntou.
Antonio Ameijide recorda que “José Tomé leva seis anos sen escoitar aos alcaldes que non son amigos, seis anos sen pisar máis da metade da provincia e seis anos esquecéndose de que máis da metade dos veciños existen”.