O TSXG tomba cautelarmente o proxecto eólico Monte Contado en Lugo e Castroverde

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) acolle a solicitude de ADEGA de paralizar cautelarmente o parque eólico Monte Contado, promovido por Naturgy nos concellos de Lugo e Castroverde.

Este proxecto contempla a instalación de cinco aeroxeradores de máis de 220 metros de altura e unha liña de evacuación de máis de 7 quilómetros de lonxitude nunha área moi extensa que funciona como corredor de conectividade ecolóxica entre tres zonas da Rede Natura 2000, situadas todas elas a menos de 15 km do proxecto. Ademais, as instalacións do parque proxéctanse integramente na «zona tampón» ou de amortecemento da Reserva da Biosfera «Terras do Miño» declarada pola UNESCO, o que podería supoñer a retirada desta figura de protección.

Risco de danos ambientais irreparables

O alto tribunal galego acordou paralizar cautelarmente este polígono eólico ao considerar acreditado o risco de danos ambientais irreparables. Na súa resolución, o tribunal aplica os principios de cautela, prevención e precaución ambiental, propios do dereito da Unión Europea, e conclúe que, ante a posibilidade de que a execución do proxecto provoque prexuízos de difícil ou imposible reparación, debe prevalecer a protección do medio natural sobre o interese particular da promotora.

O auto destaca que o parque se sitúa nunha zona de máxima sensibilidade ambiental, segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica, o que xustifica o chamado periculum in mora e fai necesario deter provisionalmente as obras ata que se resolva o fondo do litixio. O tribunal tamén subliña que a suspensión ten unha repercusión mínima sobre o sistema eléctrico e, polo tanto, o interese ambiental prevalece fronte ao económico. A medida concédese sen esixir caución a ADEGA, a asociación demandante, dado o ben xurídico protexido.

Deturpación da paisaxe do Camiño Primitivo (BIC)

A área na que Naturgy proxecta este parque atesoura unha gran riqueza biolóxica, onde habitan especies de fauna con distintos graos de protección, e onde está asentada unha manda estable de lobos. Ademais, o proxecto estaría situado a moi pouca distancia dunha Área prioritaria para a avifauna ameazada e Zona de protección de avifauna contra liñas eléctricas de alta tensión, nas que hai constancia, cando menos, de 30 especies de avifauna en réxime de protección especial.

A estes impactos ambientais súmase a degradación paisaxística da propia área, con fermosas paraxes de penedos e túmulos megalíticos. A deturpación da paisaxe sería perceptible desde o Camiño Primitivo, ben cultural da máxima protección (BIC), o que produciría unha alteración moi negativa da paisaxe cultural asociada a esta ruta histórica. Alén disto, as instalacións implicarán un risco para a saúde humana tanto das persoas residentes nas aldeas de Barredo (parroquia de Santo André), como do Couto, Prateiro e O Seixo (parroquia de Labio), situadas a menos dun quilómetro de distancia dos aeroxeradores; e tamén de Córneas e A Meda (parroquia da Meda), situadas estoutras a menos de 400 metros da liña de evacuación do parque.

O proxecto atópase moi cerca doutros 2 polígonos, Monciro (xa en funcionamento) e Ampliación Monciro (en tramitación), impulsados todos eles pola mesma promotora, Naturgy. Son, polo tanto, resultado dunha moi posible fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, artellada coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto no procedemento de avaliación ambiental, e podendo tratarse, xa que logo, dunha fraude de lei.

Un logro colectivo

Máis unha vez, a campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos está detrás deste logro xudicial. ADEGA agradece á veciñanza a solidariedade recibida e á Asociación de Amigos Patrimonio Castroverde polo seu apoio á campaña. As achegas reunidas, que sumaron un total de 8.100 euros, permitiron sufragar os gastos dos recursos contencioso-administrativos interpostos no TSXG contra este proxecto eólico, así como tamén conquerir a súa paralización cautelar. A campaña #TiPodesParalos permitiu ata o momento recorrer no TSXG máis dunha trintena de proxectos eólicos, dos cales ADEGA acadou o freo cautelar para máis dunha vintena.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios