A presidenta de ADEGA-Vigo, Lucía Soliño, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, presentaron a mostra, que permanecerá nos xardíns do Concello ata o vindeiro 15 de setembro.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este mércores, 19 de agosto, nos xardíns do Concello de Moaña a exposición «50 anos coidando a terra», unha mostra itinerante coa que a organización decana do ecoloxismo galego percorre máis de cinco décadas en defensa da terra e das loitas ambientais que marcaron e marcan Galiza.
A exposición, que chega a Moaña coa colaboración do Concello, permanecerá instalada nos xardíns municipais ata o vindeiro martes, 15 de setembro. O acto de inauguración contou coa participación da presidenta de ADEGA Vigo-O Morrazo, Lucía Soliño, e da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, así como o tenente de alcaldesa, Daniel Costas, o secretario xeral de ADEGA, Miguel Leirós, e representantes de organizacións e colectivos ambientais e sociais do concello.
Durante a súa intervención, Lucía Soliño agradeceu ao Concello de Moaña a súa colaboración para facer posible a chegada da mostra e destacou que «50 anos coidando a terra» pretende ser non só unha celebración da traxectoria de ADEGA, senón tamén «unha homenaxe ao activismo galego e a todas aquelas persoas que ao longo destes anos achegaron e seguen achegando o seu gran de area na defensa do noso patrimonio natural, en prol dunha sociedade máis xusta e equitativa«.
O Morrazo, unha comarca de loitas ambientais
A presidenta de ADEGA-Vigo puxo especialmente en valor a tradición de mobilización ambiental do Morrazo, unha comarca que, segundo sinalou, «sempre foi unha comarca combativa que reclamou o seu dereito á terra e ao mar». Soliño lembrou algunhas das loitas que marcaron a conciencia ambiental da comarca e do país, desde a oposición á instalación de parques eólicos no litoral ata a contaminación das costas ou os incendios forestais.
«A cidadanía desta comarca negouse a ver as súas costas cheas de eólicos, dixo nunca máis ás praias negras de chapapote ou brancas de pellets plásticos, e saíu vixiar os montes e loitar contra os lumes”, destacou. Neste percorrido, reivindicou tamén o papel de ADEGA, presente en moitas destas mobilizacións e comprometida sempre coas loitas do Morrazo. «Imos continuar a procurar todos os mecanismos que estean ao noso alcance para preservar os espazos naturais deste concello, dun xeito rigoroso e construtivo, sen esquecer a necesaria mobilización e crítica social», afirmou.
Unha ollada ao pasado para mirar con determinación o futuro
A exposición chega a Moaña nun contexto no que, segundo destacou Soliño, «somos testemuñas dos intentos de desmantelamento de políticas ambientais e do aumento do negacionismo dos impactos antropoxénicos no planeta». «Esta exposición”, rematou, “é unha ollada ao pasado, mais tamén ao futuro; hai moito traballo por facer, pero dános folgos e énchenos de esperanza porque reflicte, sobre todo, o poder do xente para mudar o presente».
Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, subliñou a colaboración que o goberno local ten amosado sempre coa asociación, destacando tamén o compromiso que a corporación mantén coa defensa medioambiental. Neste liña, Santos, quixo remarcar o recente arquivo do expediente do parque eólico proxectado nos montes do Morrazo como unha vitoria que demostra a importancia da mobilización da sociedade.
A historia do ecoloxismo galego, en 16 paneis
Esta mostra exterior conta con 16 paneis distribuídos en 4 tótem cúbicos expositivos, acompañados de varios bidóns que simulan ser radioactivos e que evocan a confrontación do pobo galego contra os vertidos de residuos nucleares na Foxa altántica, unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras.
A mostra lembra algúns dos logros máis relevantes de ADEGA e da mobilización social na defensa da terra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego; mais tamén aqueles capítulos da historia reivindicativa de Galiza que, aínda non rematando en vitoria, supuxeron unha forte demostración de dignidade e de amor do pobo galego pola súa terra, como foi o caso de Baldaio, das Encrobas, ou do Prestige, convertidos hoxe en iconos de referencia do ecoloxismo galego.
A exposición tamén aborda boa parte das ameazas do noso territorio contra as que actualmente está a lidar ADEGA, xunto con organizacións ecoloxistas e sociais do país, como son a incineración de residuos, a eucaliptización, os lumes forestais, a explotación colonial e depredadora dos recursos enerxéticos e mineiros. Ao tempo, amosa o papel pioneiro de ADEGA no ámbito da divulgación, voluntariado e educación ambiental de Galiza e de todo o Estado.