Quince minutos de pesadelo impediron a un Baxi Ferrol lograr a terceira vitoria ligueira. Enfrontábase ao Estepona, que comezara mal o torneo, pero que xa igualou o balanzo coas ferrolás (2-2). As xogadoras de Lino López comezaron con intermitencias, pero empezaron a errar logo do máis difícil, levantar máis de dez puntos abaixo. Malia dura derrota por vinte (75-95), o equipo non perdeu o seu afán competitivo até o derradeiro segundo.
Reacción en dous e medio
O primeiro cuarto foi xogado a un alto ritmo, con poucas faltas e alternativas nun marcador que logo dos cinco primeiros minutos foise agrandando a prol do cadro andaluz. Estepona chegou a dobrar no electrónico ao Baxi Ferrol (11-22). Tres canastras consecutivas de Melia, unha delas alén do 6,75 rebaixaron as distancias. Foi o inicio dunha reacción espectacular nos derradeiros dous minutos e medio. Un parcial de 10-2 puxo o marcador en 22-24, que puido ser mellor se Blanca Millán non errara dous tiros libres a once segundos do son da bucina.
A defensa individual do Estepona e o seu ataque
O Baxi Ferrol regalou parte do traballo anterior en minuto e medio. O comezo do segundo cuarto supuxo un 0-6 para o Estepona, que se fixo forte na presión defensiva e baixo os taboleiros coa poderosa Dongue.
O Baxi Ferrol recompuxo o marcador devolvendo un 5-0 e non lle incomodou a zona para que Joris, desde lonxe, volvera o partido como ao final do cuarto anterior (30-32). Uns pasos asubiados a Erjavec impediron que a súa bandexa empatara o xogo.
No duelo entre Melia e Koné saían chispas. As dúas grandes retáronse na anotación. A visitante á contra e a local de tres. As galegas recurtaban outro pouco a 5:29 (33-34). Un posteo do que Blanca Millán do que non sacou rendibilidade, aproveitouno Daniels para adiantar de novo ao Baxi Ferrol.
Francis Tomé pediu tempo. O seu equipo volveu en individual. Garrick, Conner, esta de tres, Koné e outra vez Garrick, alén dos 6,75, mudaron o partido e foi Lino López quen tivo que detelo (35-44). Os tiros desde fóra non entraban e tampouco era o día de Blanca Millán nos libres, que dos seus últimos catro só anotara un.
Ao descanso chegouse co Estepona mantendo a tensión defensiva, aproveitando contras e un poderío físico que lle daba a máxima distancia (36-49). O seu maior custo foran as tres faltas de Garrick
Reacción imposible
O segundo tempo foi terrible para o Baxi Ferrol. Estepona subiu a distancia ao 38-60 e Lino López pediu tempo a 7,06. O Estepona seguía implacable en todos os aspectos do xogo. Gretter subía, dividía e as súas compañeiras, de lonxe ou en penetración, aumentaban a renda. Joiner non funcionaba como base e a Šotolová faltáballe a imaxinación do mércores.
O público comezou a formar parte do intento de virada. Lino López foi sancionado cunha técnica e Šotolová anotou de tres a 2,40 (47-69). Difícil, pero non imposible, debeu pensar algún. Os árbitros empezaron tamén a pitar os mesmos contactos na zona visitante que na local. Malia tentativa, Conner non deixou que o Estepona perdera os vinte de vantaxe e seguira na progresión mínima de anotar sempre un punto máis que no cuarto anterior.
Un exercicio de dignidade
Dongue, na pintura, con Koné descansando, tomou a responsabilidade do cadro andaluz en ataque. Provocou faltas e anotou libres (serían 5 de 6, ao remate). Erjavec quixo botarse ao Baxi Ferrol nas súas costas, pero o troco de canastras non era boa idea. A defensa local entrou no bonus en pouco máis de dous minutos.
O partido podía volverse eterno coa desvantaxe achegándose aos 30 (61-87) e algo máis de sete minutos por diante. O Baxi Ferrol pelexou cada bola e conseguiu rebaixar a diferenza a 75-91 logo dunha dura loita de 39 minutos. Ao final, as galegas caeron nese día no que nada sae e no que o rival atina en case todo. Koné, un prodixio, saíuse cunha valoración de 38.
Novembro comezou para o conxunto galego como nunha mala resaca de Halloween.
Ficha
SÁBADO 01/11/2025 (20,30) Pavillon: A MALATA (2.500)
BAXI FERROL : 75 – ESTEPONA : 95 (22-24) (36-49) (54-75)
BAX : Šotolová (13), Joiner (5), Sánchez-Ramos (2), Rodríguez (0), Daniels (10) – cinco inicial -, Erjavec (13), Blanca Millán (12), Melia (17), Joris (3). Tre. Lino López. Non xogaron: Somorrostro.
EST :Gretter (3), Conner (19), Muhate (2), Garrick (16), Kone (28) – cinco inicial -, Dongue (9), Masía (4), Gea (12), Ortega (0), Äijänen (2). Tre. Francis Tomé.
Árbitros:Olivares Bernabéu (Cataluña), Martín Vázquez (Galiza), López Lecuona (Paós Vasco).
Eliminadas: Gea (3,52 – 65-89).
Foto: Melia e Koné, un duelo sen tregua. © 21noticias.com