Lara Lois e Alejandro García, campións de España de XCO en Sabiñánigo coas cores de Galicia

por Redacción Deportes

A grovense converteuse na primeira galega da historia que conquista o título estatal elite da especialidade olímpica e o carballiñés colgouse o ouro júnior. O BTT da nosa comunidade regresou con sete medallas de Sabiñánigo

O acontecido este domingo en Sabiñánigo pasa a  formar parte do libro de ouro da historia do ciclismo galego. A grovense Lara Lois converteuse na primeira muller da nosa comunidade que se proclama campioa de España de XCO na categoría raíña e o carballiñés Alejandro García conquistou o título júnior. Os dous triunfos asinados por bikers da Selección de Breogán elevaron a sete o botín de medallas obtido polo BTT galego durante tres días de competición na provincia de Huesca.

O Campionato de España de Sabiñánigo arrancou o venres coa Selección de Galicia acadando o bronce no Team Relay por combinados autonómicos e dous integrantes do sexteto dirixido polo seleccionador José Alberto del Río tocaron o ceo este domingo. Lara Lois deu a badalada da xornada na proba elite feminina. A madrileña Rocío García (BH Coloma Team), como era de esperar, impuxo un forte ritmo desde o inicio, o que a levou a poñer terra de por medio na primeira volta. Como as súas principais perseguidoras situáronse Lara Lois e Noemí Moreno (Odena), que se foron alternando entre a segunda e terceira praza.

A medida que pasaban as voltas, Rocío García continuaba aumentando a diferenza sobre a galega a e catalá. Esta vantaxe chegou a ascender ao minuto, un tempo que tras entrar na última volta facía presaxiar que a do BH ía sumar outro título ao seu palmarés. Porén, a biker da Selección de Galicia soubera xestionar o seu ritmo, moi constante, para lanzarse no desenlace da carreira a polo seu primeiro Campionato de España de XCO. A sensacional estratexia de Lois permitiulle adiantar a García e dirixirse cara á liña de meta en solitario, onde todo o equipo da Federación Ciclismo Galego estaba esperándoa con ilusión. A corredora que esta campaña pertence ao RG Bikes rematou cun tempo de 1:28:23, con 20 segundos de vantaxe sobre García e 53″ respecto a Moreno.

367

Tampouco era o principal favorito á vitoria Alejandro García na categoría xuvenil. Dous corredores do La Nucía BH, o balear Joan Mir e o andaluz Hugo Franco, partían como principais candidatos ao ouro. Dende o inicio da carreira formouse un cuarteto con García, Mir Franco e Raúl Villar (La Rioja). A vixilancia entre os compoñentes do grupo foi estricta, ata que o corredor do Carballiño atacou na penúltima volta e rachou o control.

Alejandro García manexou no último xiro ao circuíto unha vantaxe de 20” sobre Hugo Franco e 40” sobre o dúo formado por Raúl Villar e Joan Mir. Esa marxe non deixou de medrar ata que o xuvenil do Academia Postal-Maceda cruzou a liña de meta 35” segundos antes que Franco. O pulso polo bronce decantouse a prol de Villar. Ademais do gañador, a Selección de Galicia presentou a outros tres bikers nesta carreira: Martín Sestelo clasificouse 41º, Danny Buba 45º e Martín Díaz 60º.

367

No resto da xornada grande do Campionato de España da especialidade olímpica rexistráronse dous cuartos postos para bikers de Galicia. O elite Pablo Rodríguez (BH Coloma Team) concluíu ás portas do podio na proba estrela do programa masculino. O macedao cedeu 1’14” respecto ao seu compañeiro de equipo Jofre Cullell, que se levou o bronce nunha carreira na que Samuel González terminou 26º coas cores de Galicia.

O mesmo resultado que Pablo Rodríguez rubricou Aroa Otero na competición júnior. A porriñesa logrou a cuarta praza, a 3’11” da terceira clasificada Carla Pérez (Comunitat Valenciana), sendo a máis destacada da Selección de Galicia, que meteu as súas tres corredoras entre as once primeiras: Marta Estévez acabou sétima e Uxía Soto, undécima. O balance do combinado da Federación Ciclismo Galego, que acudiu a Sabiñánigo con dez ciclistas, complétase co 22º posto de Anxo Carril nos sub23.

Ouro e prata máster

Outros dous metais para o BTT galego aportáronos os corredores dos grupos de idade Máster nas probas de XCO. Ambos éxitos asináronos representantes de equipos ourensáns. Jose Ramón Villanueva (Código Bike) colgouse o ouro nos máster-30 A, facendo terceiro na clasificación absoluta da carreira e superando dentro da súa categoría ao valenciano Amadeo Ferrer (Algar) por 1’13” e a Pablo Sánchez (Castilla-La Mancha) por 10” máis.

367

A conquista da coroa máster-50 A rozouna Antonio Rodríguez. O biker do Ourense Termal finalizou segundo tras xogarse ao esprint a vitoria absoluta e do seu grupo de idade co murciano Juan Moya (Brain Bikes). O terceiro chanzo do caixón ocupouno o manchego Daniel Lorca (FDM Pina). A un paso, neste caso de subir o podio, quedou Jorge Aguín (Moto Bike), cuarto nos máster-40 A a 16” do terceiro clasificado e a 19” do segundo.

367

Eliminator

Á colleita de medallas que se viñeron para a nosa comunidade hai que engadir as dúas obtidas por bikers que defenderon as cores dos seus equipos no Campionato de España de Eliminator. Dos oito semifinalistas masculinos, catro foron galegos. Danny Buba e Martín Sestelo, ambos da Selección de Galicia, non puideron pasar á carreira definitiva na que si estiveron Jorge Punzón (Cosmos) e Alberto Pedreira (Bici Verde). Polo tanto, o 50% dos finalistas eran corredores elite da localidade pontevedresa do Porriño.

Aos dous veciños de concello superounos Alberto Mingorance (Klimatiz). O andaluz impúxose cun tempo de 2’17”, batendo por 7” a Jorge Punzón, defensor do título, que entrou xusto por diante de Alberto Pedreira. A final pechouna o vasco Igor Bilbao (Seguros Bilbao).

367

Máis información e clasificacións

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario