A Xunta de Galicia mantén o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, axudas á conservación de viñedos e contempla partidas directas para melloras no equipamento do hospital comarcal e nos centros de Atención Primaria, no Xulgado, o IES A Pinguela, a UAF e o Polo de Emprego de Monforte e no saneamento de Pantón.
O PP considera que “o Goberno galego confirma o seu compromiso co rural e co avance de melloras comprometidas nos Orzamentos para o 2026 presentados pola Xunta de Galicia”.
A deputada autonómica Raquel Arias subliñou que “a provincia de Lugo é a que recibirá maior investimento por habitante” e que “un dos investimentos máis importantes que contempla o Executivo autonómico nas contas do vindeiro ano para a zona sur da provincia se dirixe á segunda fase da mellora da LU-651” entre Folgoso do Courel e Seoane do Courel.
A deputada do Grupo Popular no Parlamento de Galicia visitaba o municipio xunto á alcaldesa, Lola Castro, que destaca que “o presidente Alfonso Rueda cumpre o compromiso manifestado durante a inauguración da primeira fase de seguir con esta estrada, que é a columna vertebral do noso concello”.
Raquel Arias incidiu tamén no “exercicio de responsabilidade do Goberno galego ao presentar as contas en tempo e forma” e no “reforzo do gasto social”; xa que prevé dirixir o vindeiro ano 3 de 4 euros a política social, sanidade, educación ou emprego.
APOIOS PARA A ZONA SUR DA PROVINCIA
A deputada popular subliñou que “a Xunta de Galicia mantén o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial” e tamén contempla “unha nova convocatoria de axudas para a conservación do entorno paisaxístico e dos viñedos da Ribeira Sacra para o que a Consellería de Medio Rural xa avanzou en Sober que reserva 1,5M€”.
Tamén nos ámbitos de medio rural e medio ambiente, os Orzamentos da Xunta para o 2026 contemplan fondos para o Plan Camiña Rural ao que se estima dirixir máis de 4,5M€ na provincia, o reforzo do apoio ás labores de xestión da biomasa, o servizo de matadoiro móbil para o que se dirixe preto de 1M€, apoios directos ao sector agrogandeiro e partida para a conservación das frondosas na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.
De xeito específico, as contas presentadas polo Goberno galego recollen achegas directas de preto de 900.000€ para a mellora da eficiencia enerxética no Xulgado de Monforte, 800.000€ para a mellora do saneamento de Pantón, 500.000€ para a mellora do IES A Pinguela de Monforte, melloras tamén na UAF e impulso ao Polo de Emprego de Monforte.
Os Orzamentos da Xunta para o 2026 tamén contemplan melloras no equipamento do hospital e nos centros de Atención Primaria, ademais do incremento das retribucións e mellora das condicións laborais do persoal do ámbito sanitario; pero tamén do sistema educativo e do servizo contra incendios.
“E o Goberno galego mantén o seu compromiso coa educación gratuíta dende o berce ata a universidade, as campañas de apoio ao comercio ou o fomento da mobilidade gratuíta para mozos (Tarxeta Xente Nova) e maiores (Tarxeta +65)”, segundo engade a popular.