A convivencia na zona de Fontiñas, na parroquia viguesa de Cabral, converteuse nun auténtico pesadelo para ducias de familias que, desesperadas, presentaron no verán unha denuncia formal ante o Concello de Vigo, a Policía Nacional e unha copia do escrito á Asociación de Veciños de Cabral. No documento, os residentes relatan unha sucesión de episodios de violencia, ruídos, enganches ilegais á rede eléctrica e mesmo un aumento da presenza de ratas, que atribúen á ocupación dunha vivenda no número 8 da rúa Fontiñas de Arriba dende setembro de 2024. Polo de agora, ningunha institución tomou medida algunha.
Segundo explican, a casa foi tomada por un grupo de persoas con problemas de drogadicción e comportamento violento. Dende entón, a tranquilidade do barrio esfumouse: “Hai berros, golpes, música a todo volume e pelexas que chegan ata o amencer”, relatan os afectados e afectadas.
A escalada de violencia chegou, nesta pasada violencia ao seu máximo cunha confrontación directa coa veciñanza. Na mañá do sábado 1 de novembro, as rodas dalgún dos coches dos veciños máis cercanos á casa en cuestión apareceron pinchadas polo furado dunha navalla. Os veciños pregúntanse: “Que será o próximo e que precisan as autoridades para tomar medidas”.
Ruído, enganches ilegais e pelexas constantes
A denuncia detalla que o grupo de politoxicómanos realizan enganches ilegais de luz e auga, ata o punto de que Aqualia acometeu unha obra no solo público para quitarlles para sempre o acceso. Iso produciu que o grupo de persoas estea a lavarse e máis lavar a súa roupa no lavadoiro do barrio, desaugando químicos tóxicos directos ao río Lagares. Os enganches ao alumeado público foron, de feito, os primeiros feitos que produciron confrontación: “Ao comezo, estiveron a pincharse á luz das veciñas e veciños coas que linda a finca na que se atopan ocupando”. Como se pode ver nas fotos, rompéronlles en varias ocasións o seu contador e manipularon a súa instalación privada. Agora, ante a inacción da empresa reguladora ou calquera autoridade, están enganchados ao alumeado público directamente dos postes.
Tamén tiveron un xerador eléctrico roubado que permanecía aceso ata altas horas da madrugada, xerando contaminación acústica constante e impedindo o descanso do resto da veciñanza.
Roubos, destrozos e medo constante
Os veciños aseguran que se produciron robos en coches, roturas de espellos retrovisores e raiaduras nas carrozarías ademais do último episodio de violencia referido anteriormente. En varias ocasións, denuncian, dous vehículos foron subtraídos e entregáronse partes á Policía Nacional. Ademais, veciños e veciñas documentan o ir e vir de xente a todas horas, moitas veces en estado de embriaguez ou baixo os efectos de drogas, o que provoca tensión e inseguridade no barrio: “Non hai que ser inspector de policía para saber que venden droga a todas horas”. A situación de descaro chega ao punto de que os taxis paran na porta durante apenas uns minutos para que os consumidores fagan a súa compra e marchen con celeridade.
Sucidade, ratas e insalubridade
Outro dos puntos máis graves é a situación sanitaria e ambiental: segundo os asinantes, as ratas saen da casa ocupada e métese nas vivendas veciñas, danando instalacións eléctricas e electrodomésticos. Engaden tamén o uso indebido do colector de lixo, que é desprazado do seu lugar orixinal e rodeado de trastos, mobles e restos de comida, favorecendo a presenza de roedores e pragas. Unha das últimas estratexias de intimidación do grupo de politoxicómanos trátase de guindar tampóns usados ás casas dos veciños cercanos.
“Desesperación” e chamamentos ignorados
Os afectados aseguran que xa acudiron ao Concello de Vigo e ao xulgado a través da Policía Nacional durante o verán pasado, pedindo medidas urxentes. Porén, denuncian que non recibiron resposta nin actuacións efectivas, e que a situación segue empeorando cada semana. De feito, os propios axentes de policía denuncian nas súas visitas teren as mans atadas ata recibir a orde definitiva do xulgado para o desaloxo inmediato: “Nós só podemos chegar ata a porta”.
“Vivimos con medo”
Os residentes insisten en que non se trata dun conflito veciñal, senón dun problema de seguridade pública e saúde. “Vivimos con medo e non podemos descansar nin deixar que os nosos fillos e fillas anden tranquilas na rúa”, lamentan. Piden a intervención inmediata das autoridades municipais e policiais para recuperar a convivencia e a seguridade nesta zona de Cabral, ademais das accións pertinentes dos propietarios dos que non se soubo ningún movemento legal.