Alfonso Rueda participará na homenaxe do PP de Lugo a Francisco Cacharro

Lugo, 4 de novembro de 2025.– O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, participará mañá, mércores 5 de novembro, no acto de lembranza que o PP de Lugo organiza en memoria de Francisco Cacharro Pardo. O PP organiza este evento no ano no que se celebra o décimo aniversario do seu pasamento.

 A homenaxe coincide co  41º aniversario do comezo das clases na Facultade de Veterinaria, un espazo simbólico polo impulso decisivo que Paco Cacharro lle deu ao Campus Universitario de Lugo.

O encontro celebrarase ás 19:00 horas no salón de actos da Facultade de Veterinaria baixo o título “Lembrando a Paco Cacharro”, e incluirá:

• A presentación dun libro sobre a súa traxectoria,

• A proxección dun vídeo con imaxes e testemuñas,

• Unha páxina web

• Unha exposición conmemorativa, que poderá visitarse na entrada da Facultade de Veterinaria a partir das 18:30 horas.

Ademais, haberá actuacións musicais como a do Orfeón Lucense, nun evento aberto a toda a cidadanía.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, destacou que “facemos este recordo dez anos despois do seu pasamento a un político referente, que soubo poñer en valor un territorio. Facémolo con sentimento de responsabilidade e de xustiza”.  A popular reflexionaba “mentres outros pasan pola provincia deixando confrontación e cero solucións, nós queremos recoñecer a quen fixo de Lugo unha prioridade”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios