Antonio Ameijide explica que “mentres PSOE e BNG afirman que os convenios non están para realizar obras nos municipios, que para iso está o Plan Deputación” a realidade amosa que “seguen a financiar cada venres en xunta de goberno actuacións e traballos en concellos das súas cores políticas” negando estas oportunidades a máis da metade dos municipios da provincia, os gobernados polo PP.
Os deputados Grupo Provincial Popular seguen a denunciar “a falta de igualdade e a arbitrariedade” coa que PSOE e BNG empregan os cartos da Deputación “de todos os lucenses” para axudar “unicamente aos concellos dos seus ‘amiguetes’, aqueles gobernados polas súas mesmas cores políticas”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que o pasado venres tivemos coñecemento doutro exemplo desta forma de actuar cun convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación e o Concello de Ribeira de Piquín para colaborar no financiamento dos gastos derivados da execución da actuación ‘Adecuación de edificios municipais para prestación de servizos básicos’no concello de Ribeira de Piquín, por un importe de 266.812,03 €, un municipio no que José Tomé xa financia un sobresoldo de 20.000€ para o alcalde.
Antonio Ameijide incide na idea de que José Tomé “creou un Plan Deputación B no que unicamente colabora con alcaldes socialistas, cunha cota para manterse na presidencia da Deputación” polo que “de non cumprir terá imposible manterse tanto na presidencia da Deputación como na secretaría xeral do seu partido”.
O voceiro popular explica que con esta “forma de traballar” imposta por José Tomé o que están a facer PSOE e BNG “é dinamitar a igualdade de oportunidades” para os lucenses xa que “mentres ao Concello de Paradela lle negan a sinatura dun convenio para arranxar o acceso a varios núcleos de poboación, ao Concello de Pedrafita do Cebreiro lle dan 249.000€ para arranxar varías rúas do municipio”.
Neste senso, Ameijide denuncia que “no último pleno tivemos que escoitar como PSOE e BNG defenderon que os convenios non estaban para realizar obras xa que para iso está o Plan Deputación” pero “a realidade amosa como negan a colaboración, de forma sistemática, a todos os concellos gobernados polo PP”.
O voceiro popular aproveita para recordar que “unicamente son os concellos gobernados por PSOE e BNG” os que se benefician dos convenios aprobados cada venres en xunta de goberno (que a estas alturas de ano xa superan os 10M€)xa que “non hai nin un € para máis da metade dos municipios da provincia, xustamente aqueles gobernados por alcaldes do Partido Popular”. “José Tomé non para de reclamar igualdade, unha igualdade que el mesmo quere demostrar que só é para os alcaldes do PSOE”, criticou.
Antonio Ameijide recorda que “non criticamos que se colabore con concellos gobernados por PSOE e BNG, senón que o que criticamos é que só se colabore con eses municipios porque todos os concellos necesitan deses fondos”. “O sectarismo do que José Tomé fai gala cada día é o que o levará a afundirse aínda máis porque as vontades que se compran non duran no tempo, os mercenarios marchan cando se acaban os cartos”, sentenciou.