O PP de Pol denuncia o «abandono absoluto» do rural mentres o alcalde gasta o diñeiro nos seus «caprichos»

O PP de Pol faise eco, unha vez máis, das constantes queixas e malestar dos veciños do municipio, especialmente daqueles que viven nas parroquias, por mor do mal estado das pistas e camiños municipais, “que están en tan mal estado que a seguridade está en risco ao circular”.

A voceira popular, Nicole Grueira, recorda que “é unha obriga do alcalde e do seu equipo de goberno ter en bo estado as pistas e camiños do Concello”, algo que “desatende constantemente, destinando os poucos recursos económicos que ten o Concello aos seus caprichos”.

Nicole Grueira sinala que “non son frases feitas nin afirmacións baleiras” xa que “cómpre recordar como Lino Rodríguez tivo que acudir xa en varias ocasións á Deputación de Lugo para que lle enviasen fondos económicos para poder pagar gastos correntes, como facturas da luz, teléfono ou os seguros e reparacións dos coches municipais”.

A realidade é que os camiños e pistas municipais de Pol “están completamente abandonados” como puidemos constatar hoxe mesmo, por exemplo, nunha visita realizada á parroquia de Carazo. “Aquí comprobamos como o firme está en mal estado, roto e cheo de furados e non hai cunetas, mentres os poucos recursos do Concello van ao capricho do alcalde, o campo de fútbol”, criticou.

Nicole Grueira recorda que Pol precisa, de forma urxente, dun plan de mantemento e renovación de todas as pistas e camiños en mal estado “para que os veciños poidan circular con seguridade”.

Unha petición que xa se defendeu en varias ocasións no pleno, a última en setembro de 2025, atopando sempre “o non do alcalde, máis interesado nas súas cousas que en destinar os recursos económicos e materiais que as vías municipais teñan unhas condicións axeitadas de circulación ao longo do ano”. “Incluso negouse a que se defenderá esta petición nalgún pleno, vetando o debate desta moción”, criticou.

Como consecuencia “da total falta de mantemento” a situación que presentan as pista e camiños municipais “é dunha total falta de seguridade” xa que aumenta o risco de accidentes, prodúcense danos materiais nos vehículos así como picadas nas rodas, limitacións á mobilidade dos veciños e un progresivo illamento dalgunhas zonas do concello.

Nicole Grueira tamén explica que “sería preciso comezar a planificación dos desbroces” para que cando chegue o verán “se poidan realizar con normalidade e non ás présas ou que queden sen facer”. Neste senso, recorda como o alcalde se negou a apoiar, en outubro de 2023 e abril de 2025, mocións defendidas no pleno polo PP nas que se instaba ao Concello a iniciar de inmediato o desbroce e limpeza da maleza das pistas municipais da parroquia de Pol e de todas as demais que se atopasen na mesma situación, así como realizar os traballos oportunos de arranxo e pavimentación dos camiños municipais desta parroquia e de todas aquelas que se atopen na mesma situación.

Un total abandono que vai na mesma liña da falta de orzamentos municipais dende o ano 2022. “Seguramente todas as pezas encaixen e Lino Rodríguez non realiza o arranxo dos camiños porque non quere, porque quere destinar os recursos municipais aos seus caprichos, así como non está capacitado para aprobar uns novos orzamentos porque, a pesar de ter maioría no pleno, con conta realmente cos apoios necesarios dos seus concelleiros porque non concordan con este total abandono ao que somete aos veciños de Pol”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios