Katy Varela explica que “despois de moitos atrancos, vémonos na obriga de acudir á Valedora do Pobo para poder exercer a nosa labor de fiscalización e control ao goberno de Monforte” porque o acceso á documentación propia do funcionamento diario do Concello de Monforte de Lemos, como poden ser os expedientes relativos aos contratos, ás comisións de goberno ou ás propias actas das xuntas de goberno “está resultando complexo e difícil.
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte veñen de presentar un recurso de amparo ante a Valedora do Pobo de Galicia ante “as reiteradas trabas e impedimentos” postos por José Tomé para acceder á documentación das xuntas de goberno e de diversos expedientes.
A voceira popular, Katy Varela, explica que “despois de moitos atrancos, vémonos na obriga de acudir á Valedora do Pobo para poder exercer a nosa labor de fiscalización e control ao goberno de Monforte”. “O acceso á documentación propia do funcionamento diario do Concello de Monforte de Lemos, como poden ser os expedientes relativos aos contratos, ás comisións de goberno ou ás propias actas das xuntas de goberno está resultando complexo e difícil”, sinalou.
Neste senso, a voceira popular confirma que “o acceso ás actas das xunta de goberno é o maior escollo no exercicio do noso dereito de acceso á información e documentación”.
Nos últimos anos, a entrega destas actas sempre se realizou vía correo electrónico, un envío que se realizaba cada dous meses, con entregas de ata oito actas xuntas, o que dificultaba o estudio e o correcto traballo de fiscalización. Ante a dificultade de control que supoñía esta sistema, tras diversas queixas e de recordarlle a José Tomé que na Deputación Provincial de Lugo, órgano que preside, se dá traslado da acta á semana seguinte da súa celebración; “o alcalde recoñeceu o noso dereito de acceso á información no pleno da corporación, motivo polo que se comezou a entregar a copia das actas cada semana, iso si, sempre tras chamadas e mensaxes de recordo”.
Pese a todo, a situación empeorou dende o verán, cando a pesar das reiteradas peticións para o envío da documentación, non se produce acumulando un atraso de ata un mes. Ante a demora, dende o Grupo Municipal do PP presentouse unha reclamación para reconducir a situación, pero “o alcalde e o secretario municipal decidiron que darán traslado das actas de xunta de goberno, que son semanais, coa documentación do pleno unha vez ao mes”.
Katy Varela afirma que “esta decisión é un atropelo e unha vulneración dos nosos dereitos como concelleiros”, dereitos recollidos no artigo 15 do ROF que establece “o acceso a ese tipo de documentación directamente a través dos servicios municipais sen autorización previa”.
“Por este motivo vémonos na obriga de acudir á Valedora do Pobo ante a nula transparencia de José Tomé que, imaxinamos toma esta decisión tras comprobar como a través das actas coñecemos que o Concello de Monforte perdeu o procedemento xudicial da Zona C e do parque do Hospital por facer as cousas mal o que nos vai custar a todos os monfortinos moitos cartos das arcas municipais”, sentenciou.