As estudantes de Matemáticas da USC impulsan a primeira Olimpíada Galega Feminina

A Facultade de Matemáticas da USC acollerá a primeira Olimpíada Galega Feminina organizada por Aurias, o proxecto estudantil da Asociación Galega de Estudantes de Matemáticas (MaEGA) que impulsa a participación das rapazas nas matemáticas.

O vindeiro 22 de novembro, a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela converterase no epicentro da primeira Olimpíada Galega Feminina de Matemáticas, unha iniciativa pioneira organizada pola asociación estudantil MaEGA a través do seu proxecto Aurias, creado para fomentar o interese e a participación das rapazas nas olimpíadas matemáticas. Esta competición serve tamén como proba de acceso á Olimpiada Femenina Española de Matemáticas, unha competición similar a nivel nacional.
A actividade, aberta a todas as alumnas de 3o da ESO a 2o de Bacharelato de Galicia, busca crear un espazo amigable, motivador e inclusivo onde as participantes poidan gozar das matemáticas, coñecerse entre si e compartir experiencias. Ademais da proba matemática, a xornada incluirá obradoiros e actividades guiadas por profesoras da propia Facultade, que achegarán referentes femininos e perspectivas inspiradoras sobre o papel das mulleres na ciencia.

“Vimos que había unha participación moi reducida de rapazas neste tipo de competición. Queremos que vexan que as matemáticas tamén son para elas, que poden desfrutar, competir e atopar unha comunidade que as apoie”, explica o equipo organizador de Aurias, un proxecto impulsado integramente por estudantes da Facultade de Matemáticas da USC.

A olimpíada conta co apoio da Facultade de Matemáticas e mantén as inscricións abertas ata o 21 de novembro, dispoñible na sección de olimpiadas matemáticas da páxina da USC. Con esta primeira edición, Aurias e MaEGA fan historia ao poñer en marcha a primeira olimpíada galega feminina, reafirmando o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e a promoción do talento matemático entre as novas xeracións.

Comparte éste artículo
No hay comentarios