O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña (UDC), Ana Ares, visitaron esta mañá a I Feria de Formación e Educación, que se está a desenvolver durante esta mañá no Auditorio de Ferrol e á que asisten preto de 1.300 alumnos de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional.
A cita pon a disposición dos asistentes 19 postos nos que están representados as tres universidades públicas galegas –Universidade de Santiago de Compostela (USC), Universidade de Vigo (UVigo) e Universidade da Coruña (UDC)- xunto coa UNED Ferrol Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) e o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA). A nivel nacional participan a Universidad Europea, a Universidad de Navarra, a Universidad Nebrija e o Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital (U-Tad). Tamén terán un espazo de seu o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), a Escola Superior Marcelo Macías, Atlantic Air Academy e Air Hostess Coruña.
Co obxectivo de amosar aos mozos e mozas as diversas opcións que existen para construír o seu futuro, a Policía local de Ferrol, a Policía Nacional, a Garda Civil e as Fuerzas Armadas, xunto co do parque de bombeiros da cidade, tamén contan con representación nesta feira.
“Nun mundo en constante evolución, onde o mercado laboral transfórmase a pasos axigantados, o desenvolvemento de iniciativas como esta é fundamental”, afirmou o rexedor ferrolán, poñendo en valor o traballo conxunto realizado entre a UDC, a través do Campus Industrial, e o Concello de Ferrol para a celebración desta feira.
“Hoxe centos de mozos e mozas danse cita aquí para descubrir as infinitas posibilidades de futuro que teñen ante eles a través dos diferentes postos, onde poden atopar axuda de cara a tomar decisións sobre os seus próximos pasos nas súas traxectorias académicas e profesionais”, engadiu Rey Varela.
Pola súa banda, a vicerreitora agradeceulle ao Concello de Ferrol a posta en marcha desta I Feira de Formación e Educación, así como o convite a colaborar na súa organización “sumando esforzos desde as distintas institucións ao igual que se fai noutros puntos de Galicia”.
Do mesmo xeito, Ana Ares salientou a “gran oportunidade” que supón para o alumnado de ESO, Bacharelato e de ciclos de FP da comarca coñecer a toda a oferta académica da Universidade da Coruña, a través do Servizo de Estudantes, e, a maiores, o títulos de grao que se imparten nas facultades e escolas que integran o Campus Industrial de Ferrol grazas ao seu persoal docente e ao seu alumnado.
EXHIBICIÓN VEHÍCULOS GREENPOWER
Ao longo da xornada, e na zona exterior do Auditorio Municipal, o alumnado e público xeral participante nesta I Feira de Educación e Formación de Ferrol poderá coñecer, de primeira man, os dous vehículos eléctricos cos que a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) compite nas carreiras Greenpower a nivel autonómico e nacional. O primeiro destes vehículos fabricouse botando man dun kit proporcionado por Greenpower Iberia, pola contra, o segundo coche foi deseñado e construído, de xeito íntegro, polo estudantado de grao e de máster deste centro do Campus Industrial de Ferrol.