FAPACEL apoia as protestas nos colexios de Lugo e reclama á Xunta “instalacións dignas para todos”

Desde a Federación de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (FAPACEL) queremos expresar a nosa satisfacción pola inclusión do CEIP de Meira no novo paquete de actuacións anunciado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Valoramos positivamente que se atenda a necesidade dun centro educativo da provincia de Lugo, mais non podemos deixar de sinalar que se trata do único centro lucense incluído neste novo paquete de 22 obras, nun contexto no que existen outros centros da provincia con necesidades igualmente urxentes.

Dende FAPACEL non cuestionamos en ningún caso a prioridade nin a xustificación da intervención en Meira, pero si queremos poñer enriba da mesa a situación doutros centros que levan anos agardando solucións integrais ás súas deficiencias estruturais.

É o caso do CEIP As Mercedes de Lugo, un centro con edificio moi antigo que precisa unha reforma xeral e a eliminación de barreiras arquitectónicas que dificultan a accesibilidade e a inclusión do alumnado.

Tamén o CEIP Casás de Lugo, onde persisten problemas como o deterioro do peche perimetral e pingueiras no pavillón deportivo, que afectan ao uso seguro das instalacións.

E especialmente o CEIP Vista Alegre de Burela, cun edificio antigo, humidades recorrentes, patio descuberto e graves deficiencias de illamento térmico. Neste centro, as familias levan xa cinco semanas mobilizándose de forma continuada, non por vontade nin comodidade, senón como consecuencia da falta de respostas ás necesidades do centro.

Desde FAPACEL queremos recoñecer e poñer en valor estas mobilizacións, que responden á preocupación lexítima das familias pola situación das condicións educativas do seu alumnado.

Por todo isto, solicitamos á Xunta de Galicia que, sen demorar as actuacións xa previstas, impulse con carácter urxente unha planificación máis ampla, coherente e sostida no tempo, que permita dar resposta ás necesidades estruturais dos centros educativos que levan anos agardando solucións integrais. Consideramos imprescindible que as actuacións en materia de infraestruturas educativas avancen con maior axilidade e previsión, garantindo condicións axeitadas e seguras para o conxunto do alumnado.

A defensa dunha educación pública de calidade implica garantir que todos os centros, e non só algúns, conten con instalacións seguras, dignas e axeitadas para o desenvolvemento educativo do alumnado.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios