Reconciliación (risas) Por @DulceCorcu

Hai que ter moi bo humor (ou ser moi caradura) para poñer ese título a unhas memorias recén publicadas -en Francia, de momento- de Juan Carlos ex rei de España nas que só se salvan Franco e o seu neto Froilán, amén da aínda esposa Sofía, coroada por moito máis que as perlas e rubíes que soen adordar as testas reais, neste caso polo que o Emérito chama «desvíos sentimentais» e o común dos mortais, cornos. 

En decembro estarán dispoñibles en língua castelá editadas por Planeta, que calidade chama a calidade. Un mes antes e aínda lle arrebata o premio da editorial a Juan del Val. Un millonciño máis que non viría nada mal ao único español que non ten pensión de xubilado, segundo os seus propios lamentos, que non sabedes a de números que ten que facer para vir regatear a Galicia media ducia de veces desde Abu Dabi, esa gaiola de ouro na que habita por culpa dos socialistas, que fixeron un drama daquelas contas en Suiza que tiña para evadir capitais como calquera rico que se precie. Un incomprendido incluso para a súa propia familia, co seu fillo Felipe que prefire o trono ao amor fraternal e a súa nora que menuda lercha. Nin os bos días no caso de atoparse. Juan Carlos tamén se arrepinte de aceptar aqueles cen millóns dos árabes porque claro, a quen lle amarga un doce. Tan irresistibles como esas belezas que desfilaron polo seu tálamo cando a lexítima estaba en Londres de compras, que era día si e día tamén. Debilidades humanas, veu dicir el. Que hai cousas que nos igualan a todos sen que interveñan os rangos, ousexa o vicio e os cartos. Púxolle de título «Reconciliación» porque «Arrepentimento» sería mentir. E xa parecerse a un político en campaña, iso si que non.

Comparte éste artículo
No hay comentarios