O BNG de Burela esixe a Rueda dotación nos Orzamentos de 2026 para corrixir as graves deficiencias nos centros educativo

Un ano despois de que o deputado mariñao Daniel Castro levara ao Parlamento as demandas da comunidade educativa en Burela logo de reunirse cos respectivos equipos directivos xunto con Mario Pillado, concelleiro de Educación e Sandra Fdez. Cillero, concelleira de Asuntos Sociais e Igualdade, Burela segue agardando polos investimentos necesarios para o arranxo, adecuación e melloras nos centros educativos.

Burela: 1350 alumnos/as en catro centros e mais de 40 nacionalidades

“Son moitas as necesidades existentes nos nosos colexios e institutos e a día de  hoxe seguen sen se resolver por parte da Xunta e a maiores ainda aparecen novas carencias” manifestou Pillado que tamén quixo destacar que “a situación particular coa que conta Burela en canto a diversidade e necesidades  educativas a Consellería de Educación non pode remitirse aos ratios e ao finanzamento de servizos convencional que fai para o resto de centros do país, porque aquí nestes catro centros que suman 1350 alumnos e alumnas conviven tamén máis de 40 nacionalidades, unha casuística para nada negativa, ao contrario moi positiva, pero que precisa que se dediquen máis recursos” .

Pillado anunciou que  a través do Grupo Parlamentario do BNG o deputado Daniel Castro vai presentar catro emendas aos Orzamentos da Xunta 2026, agora mesmo en trámite no Parlamento, para que se consignen as correspondentes partidas para dar solución á problemática dos centros de Burela.

Melloras na accesibildade, obras de cuberta e peche de pistas polideportivas, eficiencia enerxética, e obras estruturais.

A primeira das emendas refírese ás obras para a cuberta e peche das pistas polideportivas exteriores tanto do CEIP Vista Alegre como do IES O Perdouro xa que se  trata  dunha demanda das direccións dos centros e da comunidade educativa e dunha necesidade para que o alumnado teña mais espazos para a época de inverno.

A seguinte refírese á mellora da accesibilidade nos centros educativos. Os centros de ensino, tanto o CEIP Os Castros como o IES Monte Castelo contan con instalacións moi antigas e con varios edificios, polo que a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida é moi frouxa, polo que se deben levar a cabo actuacións que solventes estas carencias, posto que parte do alumnado e das familias teñen moitas dificultades para acceder a tódalas instalacións.

A terceira tén que ver  coa mellora na eficiencia enerxética nos centros de ensino de Burela, que son xa bastante antigos polo que precisan de melloras en eficiencia enerxética para asegurar as condicións de dignidade no interior a un coste asumible, polo que se deben realizar actuacións nesa liña, tanto no alumeado coma en portas e ventás.

E por último solicitan tamén consignación para obras  de reforma estrutural do centro e do valado exterior do IES Perdouro. Recorda Pillado que no  pasado curso 24/25 produciuse un accidente nas inmediacións do IES Perdouro que ocasionou grandes desperfectos no valado exterior do centro. O peche actual é provisional e polo que se ve non se espera que se vaia a acometer actuación ningunha. É preciso facer unha actuación para reparar eses danos e dende o centro piden que se poda trasladar uns metros a cancela de acceso ó mesmo para aumentar a accesibilidade dos edificios inferiores. Ademais tamén están pendentes de revisións os piares dos edificios 1 e 2, moi deteriorados

Estes investimentos tan necesarios para os colexios e institutos de Burela achéganse aos 2 millóns de euros.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios