O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, mantivo unha reunión de traballo co equipo de Delitos Telemáticos da Garda Civil na Coruña. O obxectivo do encontro foi detallar aspectos clave da que será a primeira Lei de violencia e acoso dixital de España, na que está a traballar o Goberno galego.
Esta nova normativa busca dar un paso fundamental na loita contra as violencias, centrándose especialmente nas agresións que se producen no ecosistema dixital. Así, a Lei profundará nos delitos que teñen lugar a través da rede para tipificalos e, deste xeito, avanzar no marco lexislativo que permita garantir unha protección integral ás vítimas, á vez que se melloran os mecanismos de prevención e detección.
Roberto Barba enmarcou este encontro dentro do diálogo aberto que promove a Administración galega de cara á elaboración do texto final. O director xeral fixo fincapé en que a colaboración interinstitucional e as achegas dos axentes sociais son claves para poder establecer un marco normativo efectivo e que responda de xeito rigoroso ás necesidades actuais de seguridade dixital.