Comezan os traballos para retirar os antigos raís do tranvía entre o Matadoiro e a Domus

O Concello da Coruña ultima os detalles correspondentes á última quenda de asfaltados prevista este ano. Será na segunda quincena deste mes e tamén inclúe melloras en Juan Flórez, Casablanca e o acceso ao campus.

O Concello comezou hoxe as actuacións previas á retirada dos antigos raís do tranvía entre o Matadoiro e a Domus, unha intervención que abrirá camiño á renovación do firme da calzada que se acometerá neste treito do paseo marítimo a finais de mes.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que, nos últimos anos, o Goberno municipal vén actuando no paseo e a súa contorna «de forma progresiva», co obxectivo de adaptar os espazos públicos ás demandas da cidadanía, «habilitando superficies para o carril bici e un carril runner que ten moitísimo uso a diario», tamén facilitando a creación de novas bolsas de estacionamento de vehículos alí onde é viable.

Neste sentido, a previsión do Executivo local é que a nova fase de traballos no paseo arrinque coa retirada dos raís de tranvía desde a rúa Cantábrico, preto da Domus. «Son unha infraestrutura que actualmente carece de uso e que en xornadas de choiva pode supor un risco para a seguridade viaria e a circulación rodada. Por iso, antes de renovar o firme da calzada imos proceder á súa supresión», indicou Díaz. 

A concelleira apuntou que, polo momento, e no contexto da retirada dos raís, os cortes de tráfico só afectarán ao carril dereito da calzada. Xa a posteriori, renovarase o asfalto.

Cómpre lembrar que o Goberno de Inés Rey doblou a cantidade destinada anualmente a mantemento de firmes, con 10 millóns de euros por exercicio para a mellora de vías públicas, tanto asfaltados como beirarrúas.

Máis de 300.000 euros para melloras no firme da cidade ata finais de ano

As actuacións previstas entre o Matadoiro e a Domus suporán un investimento de 169.000 euros, o máis destacado dentro do abano de actuacións que ten planificadas o Concello ata finais de ano para renovar o firme das calzadas municipais.

Esta última quenda de asfaltados desenvolverase na segunda quincena deste mes. Ademais do treito do paseo marítimo, tamén se acometerá a segunda fase de traballos en Juan Flórez (85.000 euros), a contorna de Casablanca coa avenida da Pasaxe e José Echegaray (39.000 euros) e a glorieta de acceso ao campus universitario (15.000 euros).

Serán actuacións que, na súa meirande parte, esixirán quendas de traballo de dous ou tres días, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

En total, o Concello destina máis de 300.000 euros ao conxunto destas catro actuacións para renovar o firme das calzadas de titularidade municipal

Comparte éste artículo
No hay comentarios