Máis de 400 estudantes da Coruña reflexionan sobre a diversidade a través do cine en Miradas en Foco

Arredor de 420 alumnas e alumnos de 3o e 4o da ESO e 1o e 2o de Bacharelato participaron esta maña en Miradas en Foco, que se celebrou no Centro Ágora da Coruña. Trátase dun evento que emprega o poder narrativo do cine para promover o respecto á diversidade afectivo-sexual, ás identidades de xénero e ás novas realidades familiares e sociais.

Fito Ferreiro, da Asociación Palestra, destacou a excelente acollida da actividade entre o alumnado. “É un paso máis na nosa intención de achegarnos á cidadanía, abrirnos aos nosos veciños e veciñas dunha forma amable e sinxela, que nos coñezan, que reflexionen sobre as nosa historias e as nosas vidas. Que mellor que loitar a través do cine contra a desinformación e os episodios de odio contra o colectivo LGTBIQ+. Mudar a indiferencia e a intolerancia polo respecto e as ansias de igualdade”.

Participaron os IES Eusebio da Guarda, Elviña e Monelos e os CPR Nebrija-Torre de Hércules, Montegrande e Andaina.

As curtametraxes, que se programaron coa coordinación da Fundación Pedro Zerolo, foron Pingüino, Antes de la erupción, Pancarta, Bullying (El quinto vagón) e as galegas O coidado e Ese lugar partido.

No coloquio posterior participaron representantes da Asociación Palestra, de Sex Point (CASCO), da Fundación 26D e os coruñeses Miguel Canalejo e Inés Pintor, directores de O Coidado e Ese lugar partido, respectivamente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios