O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, levou ao Parlamento galego este mércores 12 de novembro a problemática dos recortes de profesorado especializado en alumnado con necesidades específicas en centros de ensino da comarca, nomeadamente en Cee e Muxía. Trátase do CEIP Vila de Cee, IES Agra de Raíces, CEIP Os Muíños, CEIP Virxe da Barca e CEIP Vilarmide.
Tras ser interpelado por Insua na Comisión 4ª de Educación e Cultura, o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, negou que os centros escolares de Muxía e Cee necesiten de máis docentes especialistas para atender aos escolares que teñen necesidades educativas especiais, así como de coidadoras ou coidadores para as crianzas que o necesiten, alegando que ditos colexios están dotados por riba do catálogo establecido por Educación.
“Poña por escrito todos os datos que acaba de expoñer nesta comisión parlamentaria, e logo os contrastamos; vostede está a tomarnos por parvos”, indicou o parlamentario nacionalista ao alto cargo de Educación, lembrándolle que “as familias que se mobilizan polos dereitos dos seus fillos e fillas non o fixeron por capricho, senón porque se trata dunha necesidade real”.
Ademais, e logo de varias peticións de Oscar Insua, o director xeral negouse a valorar as afirmacións realizadas por representantes da Consellería de Educación a familiares do alumnado afectado, nas que chegaron a dicir que o profesorado “ten que tomar menos cafés e involucrarse máis”.
Durante a súa intervención, o deputado nacionalista sinalou que tanto o CEIP Vila de Cee como os centros de Muxía precisan de máis horas semanais de docentes de pedagoxía terapéutica (PT).
No caso do IES Agra de Raíces, Insua salientou que no curso pasado o instituto contou con dous PT’s, unha coidadora e un profesor de audición e linguaxe(AL) que estaba compartido. “E sen embargo, este ano teñen unha coidadora soa, non teñen especialista AL e teñen dous PT’s, cando en realidade farían fata catro, segundo demandan a ANPA; ademais de necesitar dúas coidadoras e polo menos un especialista de audición e linguaxe”, subliñou.