O alumnado do IES Castro de Baronceli contra os lumes

Durante este verán a comarca de Monterrei sufriu a vaga de lumes máis grande da historia. Durante semanas todos os concellos da comarca víronse afectados por incendios en maior ou menor medida. Foi un desastre ambiental que lamentablemente viviron e sufriron todos os alumnos e alumnas do IES Castro de Baronceli que recolle a rapazada do val de Monterrei (Castrelo de Val, Laza, Cualedro, Monterrei, Oimbra, Vilardevós, Riós e Verín). 

No IES Castro de Baronceli púxose en marcha o proxecto Non+Lumes, coa colaboración da Consellería de Educación dentro do programa InnovaLab coa intención de sensibilizar ao alumnado sobre as causas e consecuencias dos lumes, e ademais darlle a oportunidade de traballar para a recuperación dunha zona queimada próxima ao centro.

O proxecto xorde desde o departamento de Bioloxía e Xeoloxía, pero abrange outros como Debuxo, Lingua Galega, Inglés e Educación Física. Entre o profesorado do centro prográmanse actividades ao longo do curso para coñecer de preto a problemática dos incendios. Logo de realizar unha saída de campo en outubro, para ver e analizar unha zona queimada e recoller sementes da zona, o alumnado dá un paso máis para a recuperación do terreo. 

Traballando en colaboración co IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e a Comunidade de Montes de Cabreiroá, o vindeiro luns 17 de novembro (luns) está programada unha saída de campo onde o alumnado de 4º da ESO de Verín, xunto co de 1º do Ciclo Superior de Forestal de Xinzo traballarán en equipo para coñecer e poñer en práctica diferentes métodos de recuperación. A xornada realizarase durante todo o día con horario aproximado de 10:00 a 16:00.

Este acto simbólico ten como obxectivo dar ferramentas ao alumnado para solucionar problemas ambientais como pode ser a recuperación dunha zona queimada, aínda sendo unha actividade de pequenas dimensións, terá como resultado o traballo práctico e a oportunidade real de levar a cabo actuacións ambientais e estar en contacto coa natureza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios