O investigador e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña abrirá este sábado as Xornadas de Memoria Antifascista sobre A Transición Española.
Carlos Babío, neto dunha das mulleres cuxa propiedade foi espoliada pola familia Franco nas sucesivas ampliacións do Pazo de Meirás, investigador e co-autor do ensaio Meirás, un pazo, un espolio, un caudillo, documento que constituíu a base da demanda xudicial presentada polo Estado para recuperar o Pazo e obrigar aos Franco a entregar a propiedade en decembro de 2020, abrirá este sábado día 15 ás 11.45 horas as Xornadas de Memoria Antifascista que organiza o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
O escenario será o Salón de Arcos da Casa do Concello de Celanova, e Babío falará do acontecido en Meirás como espazo de impunidade franquista desde a morte do ditador até ben entrado o século XXI. Estará acompañado por Rubem Centeno -ambos son membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña-, que centrará a súa intervención no uso durante a Transición Española docárcere da Coruña como espazo de represión política.
O Pazo, como o Cárcere coruñés, seguen estando en disputa en canto a súa consideración como Lugares de Memoria. E así, malia a titularidade pública, o rol que desenvolverá o movemento memorialista -auténtico protagonista da recuperación de Meirás, como mesmo recoñeceu a sentenza contra os Franco- nos futuros usos do Pazo de Meirás -unha vez anunciado o inicio do procedemento para a súa declaración por parte do Estado- segue en discusión, mentres o edificio do vello cárcere continúa en ruínas e non hai maneira de alcanzar un acordo para a súa reconstrución e recuperación para a memoria.
Antes das conferencias, ás 11.00 no edificio dos Xulgados na Praza das Pitas, o Comité renderá homenaxe ás mulleres presas no cárcere de mulleres de Celanova. O Comité, coa colaboración do Concello de Celanova, sinalou hai un ano o Lugar de Memoria coa colocación dunha placa,
As XORNADAS DE MEMORIA ANTIFASCISTA sobre A TRANSICIÓN ESPAÑOLA celebranse na vila os días 15, 22 e 29 de novembro.