Segundo explican desde CCOO de Lugo, «o que está a pasar na Escola Infantil Gregorio Sanz (0-3 anos) de Lugo é unha situación indignante e un claro exemplo do abandono continuado por parte da Concellaría do BNG. Anos de denuncias sobre goteiras, falta de mantemento e problemas coa calefacción convertéronse, coa chegada da choiva, nun risco real para a seguridade das crianzas e do persoal».
A situación máis crítica prodúcese nas aulas:
- Unha aula tivo que ser pechada porque literalmente chove no seu interior.
- Como consecuencia, os nenos e nenas víronse obrigados a durmir noutra sala onde non hai espazo suficiente. Pasan a sesta e o tempo de xogo entre camas apiladas, tropezando e sen poder moverse nin xogar con seguridade.
A entrada da escola é unha auténtica trampa e un foco de perigo. A auga das goteiras reborda e esténdese polo chan, que se converteu nunha perigosa pista de patinaxe. Familias, educadoras e crianzas deben sortear cubos de auga por todas partes para acceder ao centro.
A climatización é o terceiro gran problema:
- A calefacción aváríase a diario, unha situación que se leva denunciando durante anos.
- A climatización prometida polo BNG nunca chegou, deixando ao centro sen unha solución estable para o frío.
En CCOO manifestan que «esta situación é indignante. Falamos dun espazo público onde se coidan bebés, que debería ser símbolo de seguridade e respecto, e o que atopamos é deixadez, perigo e silencio político.»


As nenas e nenos de Lugo non poden seguir aprendendo baixo goteiras nin durmindo entre cubos de auga. O BNG leva anos mirando para outro lado mentres a Escola Infantil Gregorio Sanz se deteriora. Xa abonda de escusas: urxe actuar, e urxe facelo agora.