O cómico coruñés Roi da Costa recibe no seu espectáculo Dépor Locura a un convidado moi especial: Joan Capdevila, un dos grandes símbolos do Deportivo da Coruña nos anos máis gloriosos do club. O catalán, que vestiu a camisola branquiazul durante sete tempadas (2000-2007), viaxa dende Barcelona en exclusiva para participar neste encontro con humor, lembranzas e sentimento deportivista.
O show celebrarase o xoves 27 de novembro no Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17), ás 20.30 horas (apertura de portas ás 20.00). As entradas poderán mercarse dende o luns ás 12.00 en ataquilla.com e terán un prezo de 12 euros. No caso de quedar aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán adquirir o propio día do espectáculo na billeteira do Ágora.
Como é habitual, o espectáculo contará cunha parte audiovisual, sorpresas branquiazuis e a participación do público, que tamén poderá compartir as súas anécdotas e vivencias seguindo o Dépor. Ademais, antes do comezo, os asistentes poderán gozar da previa do acto na barra instalada por Culuca Cocina Bar, promotor do evento, que contará con Estrella Galicia e refrescos. Igualmente estará dispoñible ao termo do espectáculo.
Dépor Locura é o primeiro e único show temático en España dedicado a un equipo de fútbol. Un formato que combina humor, emoción e sentimento para manter viva a memoria e o espírito do Real Club Deportivo da Coruña. Entre os seus anteriores protagonistas destacaron Augusto César Lendoiro, Lucas Pérez, Diego Villares, Barros Botana, Paco Lodeiro, Xosé Antonio Touriñán, Federico Pérez, Rubén de la Barrera e Rodrigo Vázquez.