Veciñanza das aldeas que sufrirían impactos directos, activistas do centro social Alvariça de Allariz, veciñas dos concellos de Xunqueira de Ambía, Sandiás, Xinzo, membros dos colectivos ecoloxistas Stop Eólicos Xurés Celanova, MEL e a plataforma Auga Limpa Xa!, co apoio de varios puntos de recollida de alegacións exprés nas comarcas de Allariz, A Limia e Celanova conseguiron xuntar en apenas tres semanas 1.000 alegacións contra o proxecto de ENCE para chantar unha planta de producción de biometano e unha planta de producción fotovoltáica en Xunqueira de Ambía, lindeira coa Zona de Protección de Aves da Lagoa de Antela, unha industria que se presenta como «solución» para a xestión dos xurros, mais en realidade agravaría o problema da contaminación por nitratos das augas do Limia.
Mapa do proxecto no EIA presentado pola empresa en zona inundabel
As 1.000 alegacións foron rexistradas até hoxe mesmo en rexistros municipais e na Subdelegación do Goberno en Ourense. Elaboradas en base aos escritos contra o proxecto presetados pola asociación ecoloxista Petón do Lobo e polo BNG, os escritos exprés resumen nunha folla as principais ameazas da instalación da planta e chaman a atención sobre as eivas do proceso durante a fase de tramitación pública. E deixan patente o rexeitamento social ao plan de Ence na zona afectada e na contorna da Limia, que está a ser obxecto de ameazas constantes con proxectos extractivistas (eólicos, mineiros…) mentres as autoridades competentes evitan enfrontar o grave problema da contaminación dos acuíferos e das masas de auga superficiais que poñen en risco a saúde da poboación.
Ademais das alegacións exprés, e das alegacións do Bloque Nacionalista Galego e as da Asociación Petón do Lobo, o propio goberno municipal de Xunqueira de Ambía e a Sociedade Galega de Historia Natural puxeron escritos de oposición ao proxecto a dispór da veciñanza, polo que a cifra de alegacións superará amplamente o millar.
Foto portada. Detalle planta Navarra