UCIN GALICIA, a través do seu coordinador autonómico José Luis Calo, manifesta o seu respaldo total aos cerca de 2.500 bombeiros forestais de Galicia e súmase ás reclamacións urxentes para poñer fin á figura do fixo discontinuo dentro do operativo de prevención e extinción de incendios.
O recente cese de 938 traballadores fijos discontinuos —profesionais responsables de tarefas esenciais de prevención e extinción— puxo novamente de manifesto a necesidade de dotar ao servizo de estabilidade, continuidade e profesionalización real. Non é asumible que un traballo altamente técnico, que require formación continua e unha dispoñibilidade permanente, siga sometido a vínculos laborais interrompidos e desigualdades retributivas.
Desde UCIN GALICIA consideramos imprescindible un operativo profesional activo os 365 días do ano, con condicións laborais equiparables para todo o persoal e baixo o principio de “a igual traballo, igual salario”. A prevención non pode limitarse aos meses de maior risco; require planificación, limpeza, mantemento e vixilancia constante ao longo do ano.
Por iso, esiximos á Xunta de Galicia:
- O fin da figura do fixo discontinuo en todo o operativo de bombeiros forestais.
- A ampliación real dos períodos de traballo, dotando ao servizo de continuidade anual.
- Un incremento da partida nos Orzamentos da Xunta 2026 para reforzar os traballos de prevención nos meses de menor incidencia de incendios.
- A equiparación salarial e laboral para rematar coas desigualdades existentes dentro do colectivo.
- Un proceso de diálogo urxente cos representantes sindicais e profesionais para acadar un modelo estable, profesional e digno.
Desde UCIN GALICIA reiteramos o noso apoio total ao colectivo de bombeiros forestais, un servizo esencial para a protección dos nosos montes, das nosas aldeas e do noso patrimonio natural. Galicia necesita un operativo forte, profesional e estable, e a Xunta debe actuar con responsabilidade, visión e vontade política.