Asemblea Xeral de Bombeiros Comarcais de Galicia: Declarada persoa non grata a xerencia do Consorcio Provinical da Coruña

Sendo as 11:00 horas daba comezo a Asemblea Xeral Extraordinaria de Bombeiros dos Parques Comarcais de Galicia, convocada para o día 18 de novembro de 2.025 no Edificio Cersia de San Lázaro, en Santiago de Compostela.

A Orde do día establecía como puntos a tratar a situación da negociación das Bases Específicas dos procesos selectivos para a contratación do persoal comprometido polas Administración no acordo de desconvocatoria da folga e levantamento do conflito laboral. Este persoal comprometido tiña que estar contratado no ano 2.024, coa finalidade de cubrir o exceso horario que os bombeiros dos Consorcios realizamos respecto do resto de empregados públicos.

Durante este último ano continuouse a realizar un numero excesivo de horas, coa confianza de que se activarían procesos que garantisen a incorporación de todo o persoal necesario para atender as demandas reais dos servizos.

Desde a Xerencia do Consorcio Provincial da Coruña elaboráronse unhas Bases Específicas que se trasladaron aos catro Consorcios Provinciais. Estas Bases, lonxe de axudar a estabilizar o persoal temporal existente mediante un concurso-oposición que valore a experiencia e as capacidades do persoal aspirante, xeran un atranco na cobertura das prazas existentes, e establecen probas totalmente inadecuadas, sen fundamento e ilóxicas para o fin que perseguen: dar cobertura a 102 prazas de nova creación e 22 vacantes estruturais.

O resto dos Consorcios Provinciais, colaboradores necesarios, asumiron e defenderon estas Bases ata chegar ás Mesas Xerais, nas que se puxeron de manifesto os problemas e consecuencias de seguir adiante con este modelo de probas. Unha vez evidenciado o erro que poderían cometer seguindo as liñas marcadas pola Coruña, renegan da súa autoría e confirman o que a Representación dos Traballadores xa sospeitaba: todo nace na Xerencia da Coruña.

Non podemos caer na simpleza de sinalar unicamente á Xerencia do Consorcio de A Coruña como responsable desta situación. É necesario apuntar tamén ó Director Xeral de Emerxencias, que está a permitir e avalar un proceso que non persegue o fin para o que foi deseñado: cubrir as prazas comprometidas e as vacantes estruturais da maneira máis eficiente e razoable posible.

A isto súmaselle a inexistente xestión en materia de Prevención de Riscos Laborais nos Consorcios Provinciais.

O I Convenio Colectivo establece un marco temporal para elaborar os procedementos de traballo que deben definir o número mínimo de persoal por quenda. Isto non se está cumprindo, o que supón un incumprimento directo do acordado.

Tampouco se está respectando o I Convenio Colectivo en múltiples aspectos, con interpretacións arbitrarias e interesadas por parte das Xerencias dos Consorcios Provinciais.

As medidas propostas por parte da Representación dos traballadores e aprobadas por unanimidade polos bombeiros presentes foron as seguintes:

·         NON realización de horas extraordinarias no Consorcio de A Coruña.

A asemblea acorda iniciar esta medida no Consorcio da Coruña. A autoría das Bases, o incumprimento do acordado en Mesa Xeral, na que se prometera unha segunda reunión, así como a soberbia e a prepotencia demostradas polo Xerente do Consorcio, evitando calquera reunión ou negociación para reconducir o conflito, fan necesaria esta medida.

Se as posturas permanecen inmóbiles respecto destas Bases, a medida estenderase ao resto dos Consorcios.

·         Mobilizacións e Concentracións en repulsa da xestión do Consorcio de A Coruña.

Establecerase un calendario de mobilizacións, preferentemente diante do Consorcio de A Coruña e da Dirección Xeral de Emerxencias.

·         Reclamacións por vía Administrativa, Xudicial ou Penal.

Promoverase todo tipo de reclamación por calquera das vías oportunas para resolver ou acelerar os problemas actuais que as Xerencias son incapaces de solucionar.

·         Trasladar esta problemática ós medios de comunicación, prensa, etc.

Darase a coñecer á cidadanía a situación existente nun servizo esencial, derivada da incapacidade de xestión actual.

Comparte éste artículo
No hay comentarios