“Pinta e colorea sen xestión”: O PP de Lugo critica a proposta do BNG para o aparcadoiro da Rúa Primavera

O concelleiro do Grupo Municipal do PP, Ramón Cabarcos, considera que a iniciativa do BNG para construír un aparcadoiro de dúas plantas no solar da rúa Primavera “é un exemplo de improvisación e falta de xestión urbanística”.

Parte dos terreos onde propoñen intervir son municipais e levan anos abandonados, cheos de maleza, roedores e nun estado de insalubridade, mentres os veciños da contorna xa usan o espazo como aparcadoiro.

A proposta do BNG contempla 100 prazas, solicita financiamento á Xunta deixando, de forma inxustificable, a responsabilidade fóra do ámbito municipal. Ademais de buscar confrontación porque se introduce como enmenda aos orzamentos da Xunta,  trata de xustificar unha solución lenta, cando a necesidade da zona é inmediata.

En contraste, o PP propón crear arredor de 70 prazas de aparcamento en superficie, simplemente facendo xestión urbanística: neste caso consistiría en asinar un convenio coa propiedade da parcela que é privada e logo acondicionar a zona. Esta alternativa xa estaba prevista dentro da rede de aparcadoiros que o PP ten planificada para todos os barrios de Lugo, e o caso concreto da rúa Primavera foi levado ao Pleno anos atrás, como mostra da planificación e coherencia do grupo municipal. (esta proposición do ano 2023 foi rexeitada polo BNG e o PSOE)

Cabarcos insistiu en que “Lugo segue tendo necesidades reais de aparcamento, consecuencia dunha política de mobilidade deficiente da que o BNG é responsable. Mentres bloquean actuacións da Xunta (a apertura do aparcadoiro da Rúa Breogán) , o PP aposta por proxectos viables, rápidos e eficaces que solucionen a necesidade de prazas para aparcar.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios