As familias de Castro de Ribeiras de Lea e Cospeito denuncian unha situación alarmante e insostible na atención pediátrica da comarca. Nos últimos días, no Centro de Saúde de Cospeito rematou o contrato da enfermeira pediátrica con especialización e anunciouse que a praza non será substituída. Esta decisión deixa ás crianzas sen unha referencia profesional especializada e traslada ao persoal de enfermaría tarefas que requiren unha formación específica que o sistema non está garantindo.
En paralelo, Castro de Ribeiras de Lea leva anos sen contar con enfermeira pediátrica especializada, unha ausencia reiteradamente sinalada pola propia pediatra debido á complexidade asistencial da zona: un número moi elevado de crianzas, familias con orixes diversas e múltiples casuísticas que precisan un seguimento profesional especializado para garantir unha atención seguira, áxil e acorde ás necesidades reais do territorio.
A pediatra que atende actualmente os concellos de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei xa advertiu reiteradamente da sobrecarga e do risco asistencial que supón esta situación. Tras a perda da enfermeira especializada de Cospeito, só un destes tres concellos contará con este perfil profesional, evidenciando un desequilibrio evidente entre os servizos que reciben as áreas urbanas e a realidade das zonas rurais. A profesional advertiu ademais que solicitará un traslado se non se restablecen as condicións mínimas de calidade asistencial. O que deixaría ás crianzas da comarca nunha situación de desamparo sanitario absoluto.
As familias lembran que este desmantelamento progresivo -primeiro Castro de Ribeiras de Lea, agora en Cospeito- é unha mostra evidente do abandono continuado do rural por parte do Sergas, e alertan de que esta falta de planificación compromete de maneira directa a saúde infantil: adaptación de calendarios de vacinación internacional, seguimento de menores con necesidades específicas, atención temperá, prevención e coidados pediátricos que requiren formación especializada quedan agora seriamente en risco.
Ante esta situación, as familias fan un chamamento firme e urxente á Xunta de Galicia e ao SERGAS para que restitúan de inmediato o persoal de enfermería pediátrica especializada e garantan medios suficientes para unha atención pediátrica digna, segura e equitativa en Castro de Ribeiras de Lea e Cospeito.
As crianzas destes concellos merecen o mesmo respecto, protección e recursos que calquera outra de calquera cidade ou núcleo urbano