A UNED de Lugo, distinguida co Galardón Nacional de Boas Prácticas Universitarias do Consello Social UNED

A UNED de Lugo vén de ser recoñecida co Galardón Nacional de Boas Prácticas Universitarias outorgado polo Consello Social da UNED polo seu proxecto “A Comunicación: unha nova ponte cara a Lugo”, unha iniciativa que impulsou a modernización e a transformación da estratexia comunicativa do centro.

O proxecto, liderado polo Brand Manager da UNED de Lugo, Carlos García, supuxo un salto cualitativo na forma de relacionarse da institución coa súa comunidade universitaria e coa cidadanía. Baixo a súa dirección consolidouse unha estratexia de comunicación innovadora, multicanle e orientada ao fortalecemento da marca institucional.

Entre os logros acadados destacan a creación da campaña de matriculación “A Universidade Que UNE”, unha referencia que ensalza a educación pública e de calidade, así como a importancia da transmisión de valores e cultura entre xeracións. Ademais, súmase a coordinación de 12 canles de comunicación, o crecemento da comunidade dixital ata acadar 20.000 seguidores nas redes sociais e a produción de 80 pezas audiovisuais anuais que contribuíron a mellorar a visibilidade do centro. Así mesmo, creouse un videopodcast institucional que superou as 80.000 visualizacións na súa primeira tempada, consolidándose como un formato de divulgación propio e de grande alcance.

Este traballo estratéxico tivo un impacto directo na evolución do centro, que rexistrou un incremento da matrícula do 10%, reflexo dunha comunicación máis próxima, accesible e eficaz.

A directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, amosouse moi satisfeita por este novo recoñecemento e valorou especialmente a coherencia do proxecto, a súa capacidade para reforzar a identidade institucional e a súa contribución a achegar o ensino superior ao conxunto da provincia de Lugo. O premio recoñece, ademais, o papel decisivo do liderado profesional na construción dunha comunicación universitaria de referencia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios