Trátase dunha ferramenta innovadora creada polo VARPA Group da UDC e FarmaCHUSLabn do IDIS.
O proxecto PK-PDrugs, unha plataforma de precisión dirixida á posoloxía personalizada de fármacos, acaba de ser galardoado na V edición dos Premios Ennova Health 2025 de Diario Médico e Correo Farmacéutico na categoría de Transformación Dixital, que foron entregadas nunha gala na pasada noite.
Impulsada polo grupo Varpa da UDC xunto co FarmaCHUSLab, Unidade de Investigación e Innovación do Servicio de Farmacia do CHUS, esta plataforma xurde como resposta á crecente necesidade e demanda dun enfoque máis personalizado e preciso do tratamento farmacolóxico. Así PK-PDrugs incorpora modelos estatísticos avanzados que permiten incrementar significativamente a precisión nas doses de medicamentos, ofrecendo novos parámetros de seguridade e eficacia, que cobran especial relevancia no caso de enfermidades como as neurolóxicas ou psiquiátricas.
Con esta plataforma é posible axustarse á variabilidade de cada paciente, integrando de xeito efectivo os seus datos persoais para ofrecer os tratamentos a medida. Grazas á súa accesibilidade, permite consultar información clave de farmacocinética (disciplina que estuda o modo no que os fármacos interactúanco corpo humano) en calquera momento e desde calquera localización, o que establece un nova paradigma na xestión da medicación.
PK-PDrugs foi posible grazas a unha estreita colaboración multidisciplinar entre os impulsores da investigación de VARPA e FarmaCHUSLab, que permitiu tamén validar o funcionamento en casos reais, así como a accesibilidade e experiencia por parte da persoa usuaria.
Esta ferramenta non só permite mellorar os resultados con tratamentos máis precisos e adaptados, senón que tamén ten un impacto máis amplo ao abordar posibles deficiencias dos sistemas de saúde e ao facilitar unha atención máis personalizada, de maior precisión e inclusiva. Melloras que fortalecen a sustentabilidade e eficacia do sistema de saúde.
Por último, cómpre destacar que este proxecto é resultado da sinerxía entre o mundo académico, investigador e as entidades sanitarias, o que permite avanzar en solucións tecnolóxicas aplicadas á asistencia sanitaria.