Antas de Ulla a 21 de novembro de 2025.- Hoxe celebrouse no Concello de Antas de Ulla un pleno decisivo no que o goberno local aprobou, por terceiro ano consecutivo dende que chegou ao goberno, os Orzamentos Municipais para 2026, o documento económico máis importante da administración municipal.
Con esta aprobación, Antas de Ulla rompe a dinámica de anteriores mandatos, nos que os orzamentos se prorrogaban durante anos consecutivos e non entraban en vigor o 1 de xaneiro. Deste modo, o Concello sitúase como o primeiro da comarca en sacar adiante as súas contas para o próximo exercicio, demostrando planificación, estabilidade e rigor na xestión pública.
Servizos sociais máis fortes e pensados para a cidadanía
O goberno local destacou varias liñas prioritarias incluídas nos orzamentos de 2026:
- Consolidación dos servizos sociais, cunha educadora social e unha traballadora social que amplían a capacidade de intervención e atención á cidadanía.
- Consolidación do programa “Maiores Activos”, centrado no acompañamento e no envellecemento activo.
- Aposta firme polo servizo de Madrugadores e pola ampliación das medidas de conciliación familiar e laboral en horario de tarde.
- Reforzo das propostas para infancia e adolescencia, como os campamentos de verán e actividades educativas complementarias.
Máis apoio doutras administracións
A alcaldesa subliñou que estes avances tamén son posibles grazas á colaboración institucional:
- Deputación de Lugo, que está a ser clave para impulsar proxectos locais.
- Xunta de Galicia, coa que se están a tramitar diversas subvencións e liñas de apoio activas no municipio.