FAPACEL denuncia recortes «inaceptables» no CEIP de Covas (Viveiro) e acusa á Xunta de vulnerar o dereito á educación especial

Dende a FAPACEL queremos denunciar con absoluta rotundidade a situación que está a vivir o CEIP de Covas. O que ocorre neste centro non é un caso illado, senón a consecuencia directa dunha política continuada de recortes en profesorado de apoio, atención á diversidade e recursos básicos para garantir unha educación digna.

Resulta totalmente inaceptable que nun colexio onde máis do 20% do alumnado precisa intervención especializada, a Consellería continúe reducindo horas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, mentres ignora as demandas reiteradas das familias e do propio centro. Estamos ante un abandono institucional evidente.

A Consellería está vulnerando o dereito do alumnado a recibir a atención educativa que precisa, e está a facelo coa maior das impunidades: restando profesionais, atrasando coberturas, improvisando organizacións internas e obrigando ao profesorado a asumir cargas imposibles. Isto non só prexudica aos nenos con NEAE, senón ao funcionamento global do centro.

O pequeno “parche” de engadir unhas poucas horas semanais que a Xunta ofrece non é máis ca un intento de silenciar o problema sen afrontalo. É absolutamente insuficiente e, para nós, unha falta de respecto ás familias, ao profesorado e ao alumnado.

Desde FAPACEL apoiamos completamente á ANPA do CEIP de Covas e ás súas mobilizacións. Esiximos de inmediato:

Restituír todas as horas de PT e AL recortadas.

Garantir unha cobertura estable, continua e suficiente ao longo de todo o curso.

Un plan serio da Consellería para atender a diversidade real existente nos centros públicos da comarca e da provincia.

A educación pública non pode depender da paciencia das familias nin da boa vontade do profesorado. A responsabilidade é da Administración, e está incumpríndoa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios